Ir o contido principal

Unha investigadora da USC explica en México cómo eliminar grafitis no patrimonio de maneira biolóxica

Foto Universidade de Campeche (Mexico)
Foto Universidade de Campeche (Mexico)
Patricia Sanmartín traballa este ano na Universidade de Harvard

A investigadora Patricia Sanmartín, do Grupo de estudos medioambientais aplicados ao patrimonio natural e cultural da USC, participa estes días como relatora na Universidade de Campeche (Mexico) cuns seminarios sobre o deterioro do patrimonio, cómo alargar a súa vida útil e a utilización de opcións biolóxicas na limpeza dos grafitis. Para a investigadora da USC esta colaboración permitirá crear sinerxías entre grupos de investigación que traballen no tratamento e estudos de biofilms e películas nas ruínas maias e monumentos, así como cooperar no proxecto Bioremograf dirixido á eliminación de grafitis no patrimonio utilizando microorganismos. A investigadora Patricia Sanmartín acode ao país mexicano dende a Universidade de Harvard (EEUU) onde durante todo este ano traballa cun contrato da Xunta do Plan I2C co grupo de microbioloxía aplicada ao patrimonio histórico e artístico baixo a supervisión do profesor Ralph Mitchel. A comezos de setembro viaxará á Universidade de Milán, onde traballará un curso para logo volver á USC en 2015. Licenciada en Química pola USC, comezou a súa traxectoria investigadora en 2003 cun proxecto fin de carreira orientado á conservación preventiva e restauración de arte contemporánea. En 2012 doutorouse con Mención europea e «cum laude» pola Universidade de Santiago coa tese ‘Cuantificación da cor no estudo da formación de biofilms en rocas graníticas do Patrimonio histórico artístico’ e ese mesmo ano recibiu a bolsa de posgrao no estranxeiro da Fundación Barrié. A súa traxectoria investigadora foi premiada en dúas ocasións, na conferencia especializada sobre biofilms que tivo lugar en 2009 na Universidade de Davis (EEUU) e no último congreso español de cor na Universidade de Alacante en 2010.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.01.2014.