A investigadora da USC Mar Sobral, elixida editora xefe asociada de Ecological Monographs

Mar Sobral, investigadora distinguida do grupo EcoPast da USC, acaba de ser nomeada editora xefe asociada da publicación Ecological Monographs, pertencente á Asociación Americana de Ecoloxía. As liñas de investigación de Sobral céntranse nas relacións entre a selección natural e a plasticidade dos organismos profundando na comprensión das dinámicas evolutivas, así como na relación entre os organismos e o ciclo do carbono mellorando o entendemento dos vínculos entre a vida e os ciclos bioxeoquímicos.
A investigadora desenvolveu estadías posdoutorais na Universidade de Stanford e no Centro de Ecoloxía Funcional e Evolutiva de Francia. Conferenciante en múltiples congresos internacionais, publica periodicamente artigos de divulgación e imparte charlas sobre a emerxencia climática e sobre igualdade na ciencia. É copresidenta da Comisión de Igualdade da Asociación Española de Ecoloxía Terrestre (AEET) e dedica gran parte da súa actividade á loita contra a discriminación de xénero no mundo académico.
Ecological Monographs publica traballos tanto en ciencias fundamentais como aplicadas alén de crear unha comunidade científica máis igualitaria, diversa e inclusiva, e atopar solucións aos desafíos que enfrontan as minorías. Sobral cualificou o nomeamento de “grande honra, privilexio e enorme desafío”.