Ir o contido principal

A investigadora da USC Veronika Chobanova coordinará ata 2020 a análise de datos xestionados no experimento internacional LHCb

Imaxe de arquivo da doutora Veronika Chobanova
Imaxe de arquivo da doutora Veronika Chobanova

A investigadora do Departamento de Física de Partículas e do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías Veronika Chobanova acaba de ser escollida pola colaboración LHCb do CERN para coordinar ata marzo de 2020 as análises finais das propiedades da transformación (denominada habitualmente ‘ oscilación’) do ‘Bs’ en ‘anti-Bs’. Bs é un tipo de partícula cuxa transformación na súa antipartícula é o obxecto de estudo de LHCb, experimento internacional que reúne máis de 700 membros no CERN.

As oscilacións que a colaboración internacional estuda nas instalacións do CERN están producidas pola interacción dos hadróns Bs co campo de Higgs e a medida das súas propiedades, explican os investigadores, pode revelar novos aspectos sobre a composición deste campo. Tamén achega información sobre a posible existencia de novas partículas, como por exemplo, partículas supersimétricas. Estas últimas poderían explicar a composición da materia escura, un tipo de materia detectada en observacións de astrofísica e que podería ser moito máis abundante que a materia ordinaria, representando un dos grandes retos da física de partículas actual.

Chobanova
Tras realizar a súa tese de doutoramento no Max-Planck-Institut für Physik de Munich incorporouse en 2015 á USC a través do proxecto Starting Grant que o European Research Council concedeu a Diego Martínes Santos.

LHCb
Hai máis de 22, un total de 38 institucións de todo o mundo elevaron ao CERN unha proposta para a posta en funcionamento do experimento LHC-B, colaboración internacional que comezaría a recoller datos en 2009 xa renomeado como LHCb. Agora está previsto que remate a súa toma de datos o próximo ano 2018. En 2019 e 2020 o espectrómetros LHCb será remodelado para facer novas tomas de datos a partir de 2021 e así ampliara cantidade de decaementos diferentes que poida detectar.

No Bing Bang creáronse iguais cantidades de materia e antimateria, en teoría dúas réplicas idénticas en todo salvo na súa carga eléctrica, negativa no caso da antimateria. De terse mantido esta simetría, materia e antimateria deberían aniquilarse, pero nalgún momento a primeira impúxose creando unha asimetría e formando os átomos que compoñen todo o que existe dende as galaxias ou as estrelas ata os planetas.

O experimento LHCb do Large Hadron Collider (LHC), no que USC ten unha contribución destacada, busca descubrimentos fundamentais para a comprensión das diferenzas entre materia e antimateria. Este experimento está deseñado para estudar a ruptura da simetría entre materia e antimateria producida no Big Bang, momento no que a materia “venceu” á antimateria, formando os átomos que compoñen galaxias, estrelas, planetas e todo o que existe, sen que a día de hoxe se saiba exactamente porqué. O equipo da USC de LHCb explora, entre outras cousas, as diferenzas existentes entre materia e antimateria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.12.2017.