Investigadoras da USC desenvolven nos CEIP de Vite e no Raíña Fabiola a primeira fase do proxecto 'As bibliotecas de centro como espazos para a interculturalidade'

Recoñecer a diversidade lingüística e cultural do mundo e do contorno xeográfico máis inmediato a través de actividades realizadas en bibliotecas de centros escolares foi o obxectivo da primeira fase dun proxecto que un equipo multidisciplinario de investigadores da USC desenvolveu ao longo deste ano nos CEIP de Vite e Raíña Fabiola. Trátase, en opinión das súas promotoras, de “promover unha actitude crítica cara aos prexuízos lingüísticos e cara á igualdade entre as diversas linguas e as súas variedades”.
As características do proxecto ‘As bibliotecas de centro como espazos para a interculturalidade’ presentáronse este mércores 22 nunha rolda de prensa na que interviñeron o vicerreitor de Cultura, Elías Torres; a profesora da USC Luz Zas Varela, en presentación das investigadoras do proxecto; o director do CEIP, Uxío Leira; e María Sampedro, en representación dos estudantes universitarios que colaboraron no proxecto.
Este proxecto de cooperación cultural sobre a diversidade lingüística e competencia cultural desenvolveuse nos centros de ensino infantil e primario de Vite e no Raíña Fabiola nos meses de febreiro e marzo. As distintas actividades organizadas nas bibliotecas destes centros dirixíanse aos alumnado de 5º e 6º de Primaria.
Foron un total de tres sesións celebradas nas bibliotecas deses centros entre o 25 de febreiro e o 10 de marzo de 2008 como actividades complementarias do calendario escolar. En cada unha das sesións programadas os contidos versaron sobre ‘Linguas do mundo e linguas da miña escola’, ‘Sistemas de escritura’ e “Escoito e falo noutras linguas’. Ao seu remate, todos os participantes valoraron as actividades programadas como “moi positivas”, o que propiciará que o proxecto continúe a desenvolverse en datas próximas.
O proxecto está coordinado pola profesoras da USC, María Teresa Díaz García, da Facultade de Filoloxía; Inmaculada Más Álvarez e Luz Zas Varela, da Facultade de Ciencias da Educación; coa colaboración de estudantes das titulacións de Filoloxía Hispánica, mestre en Educación Primaria e Psicopedagoxía. As promotoras da iniciativa subliñaron na presentación “o carácter colaborativo” do proxecto, por favorecer “a interacción entre diversidade de estudantes, docentes, persoal da administración e servizos e outros profesionais”.