Os investigadores Alberto Ruano Raviña e Cristina Candal Pedreira publican o editorial do último número da prestixiosa revista British Medical Journal

Alberto Ruano Raviña e Cristina Candal Pedreira, da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, asinan o editorial do último número do British Medical Journal, unha das revistas máis prestixiosas en Medicina. “Trátase dun editorial por convite, xa que desde hai anos estamos traballando no tema da mala conducta científica”, sinala Ruano, que como Cristina Candal é tamén persoal investigador do grupo Epidemioloxía, Saúde Pública e Avaliación de Servizos de Saúde do IDIS.
O catedrático da USC explica que o editorial acompaña un artigo “que pon de manifesto a problemática de publicar guías de práctica clínica ou meta-análises que inclúen recomendacións que cambiarían se se eliminasen artigos retractados incluídos nesas sínteses de evidencia científica”.
Os investigadores alertan no seu editorial do grande incremento no número de retractacións nos últimos anos: “A presión para publicar, sumada ás prácticas editoriais neglixentes das revistas ou editoriais, propicia a mala práctica científica. Esta situación vese agravada polo auxe de novos tipos de mala conducta científica, como os paper mills, a produción en masa de manuscritos científicos, a miúdo con datos falsificados ou duplicados, que se venden a investigadores”. Este foi, precisamente, o tema da tese de doutoramento da profesora Candal Pedreira, coautora do editorial e que publicou varios estudios sobre este tema.
“A integridade científica é fundamental non só para o desenvolvemento da ciencia, senón tamén para que a sociedade confíe na comunidade científica e a investigación”, sinalan os autores do editorial.
Consecuencias reais na atención médica
“Moitos dos artigos retractados sono por datos falsificados, manipulados ou simplemente inventados, o que supón un problema importante na práctica médica e na toma de decisións que se podan basear en evidencia científica que inclúa revisións sistemáticas ou meta-análises”, conclúe o profesor Alberto Ruano.
O editorial do British Medical Journal explica que as retractacións poden ter consecuencias reais na atención médica, como xa demostraron varios autores nun estudo publicado na mesma revista (doi:10.1136/bmj-2024-082068). Os resultados de artigos retractados no ámbito da atención médica poden levar a decisións prexudiciais, que aleguen beneficios falsos ou, en calquera caso, que carezan do efecto desexado. No citado estudo cuantificouse o alcance de eliminar eses ensaios clínicos retractados: o resultado do 8 % das metaanálises cambiou de dirección e os resultados dun de cada seis metaanálises cambiaron a significación estatística. “Cifras impactantes, pero cuxas implicacións son aínda maiores se os datos dos ensaios clínicos retractados se introduciron nas guías de práctica clínica publicadas por sociedades científicas e as súas recomendacións se aplicaron directamente aos pacientes”, advirte Ruano.
“As sociedades científicas, revistas e autores deses documentos cuxas recomendacións cambiarían tendo en conta eses artigos retractados, teñen a responsabilidade de modificalas, para evitar realizar intervencións que poden non xerar beneficio nos pacientes”, sentencia o profesor da USC.