Ir o contido principal

Investigadores chegados dos cinco continentes analizan en Santiago o ensino e aprendizaxe do inglés

Público asistente ao congreso internacional sobre ensino/aprendizaxe do inglés
Público asistente ao congreso internacional sobre ensino/aprendizaxe do inglés

O catedrático emérito da Universidade de Bangor (Gales), David Crystal, figura de primeira liña e de gran influencia no campo da Lingüística inglesa, inaugurou este mércores en Filoloxía o primeiro congreso internacional sobre ensino/aprendizaxe do inglés (ICELTL1), que se celebrará ata o vindeiro sábado. O profesor Crystal, que pronunciou a conferencia ‘The future of Englishes’, é autor de máis dun centenar de publicacións tales como O inglés como lingua global, Dicionario de Lingüística e Fonética, Enciclopedia da lingua inglesa ou A revolución da linguaxe.
Este congreso reúne na USC a máis de 200 expertos procedentes de universidades e centros de investigación de China, Xapón, Singapur, Nova Zelanda, India, Colombia, Estados Unidos, Tunicia, Arabia Saudita, Irán, Francia, Portugal, Reino Unido, Italia, Turquía, Alemaña e España. Todos eles asistiron á inauguración oficial do congreso que presidiu o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández, acompañado do decano da Facultade de Filoloxía, Ernesto González, do director do Departamento de Filoloxía Inglesa, José Manuel Barbeito, e do coordinador do encontro e director do Centro de Linguas Modernas, Ignacio Palacios.
O propósito do encontro é debater todos os temas de actualidade relativos ao ensino e aprendizaxe desta lingua nun tempo onde o inglés é considerado como lingua global ou franca e de cuxo coñecemento adoecen moitos españois, sobre todo en comparación co grao de competencia rexistrado noutros países europeos. Así, abordaranse un gran variedade de temas, desde o ensino das catro destrezas, o papel das novas tecnoloxías, o ensino da gramática e o vocabulario ata cuestións referidas á investigación no campo da lingüística aplicada ao ensino do inglés.
Entre os conferenciantes invitados atópanse os profesores Jeremy Harmer, Eddie Williams, Amos Paran e o catedrático de Didáctica da Lingua e da Literatura, José Manuel Vez Jeremías, todos eles especialistas de grande prestixio no ensino do inglés. As achegas dos relatores e conferenciantes agrúpanse en comunicacións, obradoiros e mesas redondas, entre as que se atopan unha na que se fará unha diagnose do ensino do inglés en España.
O congreso organízao o grupo de investigación do Departamento de Filoloxía Inglesa da USC coordenado polo profesor Ignacio Palacios, director do Centro de linguas modernas, xunto cos profesores Mario Cal, Xabier Fernández Polo, Paloma Núñez Pertejo e Lidia Gómez García.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.09.2008.