Investigadores en Ciencias da Educación reclaman máis información, recursos económicos e conciliación laboral
Os participantes no I Congreso Galego de Investigadores de Terceiro Ciclo en Ciencias da Educación, celebrado a semana pasada na USC, fan públicos os resultados do encontro nun documento no que solicitan “máis e mellor información”. Ademais, piden “orientación” profesional, ampliar as instalacións, procurar a conciliación laboral e “incrementar os recursos” económicos para apoiar “a mobilidade, formación complementaria, participación en congresos e difusión de resultados”.
Co fin de acadar estes obxectivos, elaborarán no futuro “un marco de políticas concertadas para a investigación educativa e pedagóxico social" e subliñan a importancia de divulgar os programas de doutoramento “poñendo en valor a comunicación dos resultados, transferencias e impactos”. Por iso, deciden promover a creación de espazos de encontro e intercambio “onde teñan cabida a realización de actividades congresuais e seminarios de formación” especificamente destinados aos novos investigadores.
Tamén, buscan estimular o tratamento de temas de investigación científica socialmente relevantes, acentuando a súa identidade galega co propósito de mellorar as realidades educativas e sociais que, de modo singular, concorren nos contornos rurais. Na actualidade, dispóñense a facer cumprir os dereitos e deberes que corresponden aos estudantes e investigadores en formación e a esixir unha docencia de calidade, aumentando a formación continua e compartida en todas as súas dimensións.