Ir o contido principal

Investigadores do CIQUS desenvolven novedosas nanoestruturas quirais a partir de polímeros helicoidais

Nanoestruturas quirais obtidas de polímeros helicodais e complexos metálicos (©CiQUS)
Nanoestruturas quirais obtidas de polímeros helicodais e complexos metálicos (©CiQUS)
A prestixiosa revista Angewandte Chemie leva á portada do seu último número a investigación do equipo da USC

A prestixiosa revista Angewandte Chemie , que recoñece investigacións da máxima calidade no campo da química, leva á portada do seu último número un traballo realizado por persoal investigador do Grupo Nanobiomol da USC no que se describe un novo protocolo para obter diferentes tipos de nanoestruturas a partir dun único polímero helicoidal e certas sales metálicas. Os polímeros helicoidais empregados son os poli(fenilacetileno)s, unhas macromoléculas que presentan como característica sobresaliente que o seu sentido de xiro helicoidal se pode axustar pola acción de diversos estímulos externos tales como temperatura, polaridade ou ións metálicos. En consecuencia, estes polímeros actúan como sensores. Co seu traballo, as investigacións do CIQUS incorporaron esta familia de polímeros ao campo das nanoestruturas. Os diferentes tipos de nanoestruturas (nanoesferas, nanotubos, nanotoroides) obtivéronse a partir dun único polímero helicoidal e catións de metais diversos. Estes últimos fixan conformacións específicas, actúan como axentes intercalantes e modulan o sentido helicoidal do polímero (xiro a dereitas ou a esquerdas). Como resultado, obtéñense nanoestruturas quirais con diferentes formas. No seu interior pódense encapsular diversas sustancias orgánicas e inorgánicas. A investigación levárona a cabo o investigador Ramón y Cajal Felix Freire e a investigadora predoutoral Sandra Arias, membros do grupo de Emilio Quiñoá e Ricardo Riguera, tamén co autores do traballo. O grupo Nanobiomol, pioneiro na síntese de novas nanoestruturas quirais seguindo novidosas formulacións través de métodos químicos en disolución, publicou outros resultados relacionados con este actual campo de investigación nas portadas de revistas científicas de prestixio como The Journal of the Chemical Society e Chemical Science (Royal Chemical Society). Actualmente o grupo segue traballando na xeración de novas nanoestruturas. Integrantes do grupo Nanobiomol da USC (Foto: CiQUS)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2014.