Investigadores do CiQUS traballan nunha vacina fronte COVID-19 baseada nunha nova metodoloxía
O investigador José Martínez Costas, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) traballará no desenvolvemento dunha vacina fronte COVID-19 en base a unha nova metodoloxía patentada na USC que permite resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo. Esta nova liña de traballo acaba de obter o financiamento do Instituto de Saúde Carlos III e, como explica o doutor Martínez Costas, a metodoloxía a partir da que se traballará está xa patentada polo propio grupo de investigación da USC e permite producir vacinas contra calquera patóxeno.
“Facemos que células de calquera orixe fabriquen microesferas e introduzan dentro delas os antíxenos víricos” explica Martínez Costas. Estas partículas “purifícanse moi facilmente e teñen capacidade intrínseca para estimular ao sistema inmune, o que as converte en ideais como vacinas para o coronavirus, doenza que afecta principalmente a persoas de idade avanzada cuxo sistema inmune sole estar debilitado”, engade o investigador.
O equipo do CiQUS traballará na produción da vacina mentres que o ensaio en animais levarao a cabo outro equipo do Centro de Investigación en Sanidade Animal de Valdeolmos (Madrid). Se se comproba que a estratexia achega resultados positivos, o equipo buscará financiamento adicional para iniciar ensaios clínicos.