Investigadores da Escola Politécnica participan no deseño dun novo sistema construtivo para a contención de terreos portuarios

O Grupo de Investigación en Enxeñaría Civil e Enerxías Mariñas (Gicema) da USC, integrado por profesores e investigadores da titulación de grao en Enxeñaría Civil da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, participa nun proxecto de investigación para o desenvolvemento dun novo sistema construtivo para a contención de terreos portuarios baseado no traballo de tracción de láminas delgadas soportadas por pilotes (Pilote-lámina).
Este proxecto de investigación, financiado a través do programa FEDER-Interconecta e que conta cun orzamento global de 1,8 millóns de euros, desenvólvese ao abeiro dun convenio que vén de asinar a entidade pública Portos de Galicia coas empresas Construcciones López Cao S.L., ABN Pipe Systems S.L.U. e Tipologías Estructurales en Madera Hormigón e Aceiro S.L., así como coas universidades de Santiago de Compostela e de A Coruña e coa Fundación da Enxeñaría Civil de Galicia. Esta nova colaboración entre entidades públicas e privadas, que denota o compromiso de Portos de Galicia coa investigación en materia portuaria, permitirá a construción dun prototipo de peirao a escala real no porto de Vilanova de Arousa. A construción desta nova infraestrutura portuaria, na que xa se aplicará a nova tecnoloxía de contención de terreos portuarios baseada no traballo de tracción de láminas delgadas soportadas por pilotes, permitirá investigar e comprobar o comportamento desta nova tipoloxía. A contribución neste proxecto do Gicema, un grupo de investigación coordinado polo profesor do grao en Enxeñaría Civil na Escola Politécnica Superior de Lugo, coordinado polo profesor Alberte Castro Ponte, centrarase no estudo do comportamento hidrodinámico da nova tipoloxía mediante a realización de ensaios de laboratorio con modelos a escala reducida na na canle de ondada e correntes da Escola Politécnica Superior de Lugo. Alberte Castro salientou neste senso que a participación do Gicema neste proxecto Interconecta responde, en certa medida, ao feito de que a Escola Politécnica Superior de Lugo conta cunha moderna canle de ondada e correntes, un equipamento tecnolóxico esencial para o desenvolvemento deste tipo de investigacións.