Ir o contido principal

Investigadores da Escola Politécnica promoven a celebración dunha cata de viños brancos de Galicia en Lisboa

Javier José Cancela
Javier José Cancela

O profesor da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e membro do equipo de Fertirrego e Necesidades Hídricas dos Cultivos, integrado no grupo de investigación Proxectos e Planificación (Proepla) da USC, Javier José Cancela, promove este sábado unha sesión de cata de viños brancos galegos no Arena Shopping de Torres Vedras (Lisboa).

Esta sesión, de carácter gratuíto para os consumidores, encádrase no ámbito de colaboración existente entre a USC e o Instituto Nacional de Investigación Agraria e Veterinaria luso, un centro que acubilla a Estación Vitivinícola Nacional de Portugal, radicada na localidade de Dois Portos. O profesor Javier José Cancela está a completar na actualidade e ata finais de xaneiro unha estadía de investigación cunha bolsa concedida polo Ministerio de Educación a través do programa José Castillejo 2014, no que se concederon dúas bolsas para novos investigadores da USC. A xornada de proba e cata de viños brancos galegos é unha das accións incluídas no proxecto de investigación ‘Influencia das diferentes prácticas culturais no estado hídrico dos viñedos do Noroeste de España: valoración agronómica e económica’, desenvolvido polo Equipo de Fertirrego e Necesidades Hídricas dos Cultivos da USC e que conta con financiamento europeo a través dos fondos Feder. O obxectivo desta cata de viños brancos galegos e afondar na avaliación de viños elaborados con castas de uva de Galicia, ademais de coñecer as preferencias dos consumidores portugueses respecto de caldos elaborados por microviñificación e obtidos a partir de viñas con diferentes niveis de auga de rega.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2015.