Investigadores da Estación de Bioloxía Mariña da Graña ultiman unha nova draga para estudar os fondos rochosos do sistema mariño profundo galego
Investigadores da Estación de Bioloxía Mariña da Graña (Ferrol) traballan estas semanas nos retoques finais da draga que están desenvolvendo en colaboración do estaleiro Navantia de Ferrol. A Artabría, denominación dada a esta draga de actuación vertical, permitirá tomar mostras fiables nos fondos rochosos do sistema profundo de Galicia para poder realizar así estudos da fauna. Os investigadores da USC deseñaron este novo dispositivo de recollida, de tipo culler, capaz de desenvolver unha forza de peche entre as súas ‘mandíbulas’ de ata 230 kilos para que poida rachar a meirande parte dos elementos duros que queden entre elas e evitar así a perda de mostra e de fauna. A estación biolóxica da USC en Ferrol leva máis dunha década investigando no bentos batial e abisal do sistema profundo de Galicia, que ten unha batimetría que vai dende os 200 metros de profundidade ao inicio do cantil, ata os 5.400 metros na chaira abisal ibérica. En xeral, os fondos profundos son a zona máis inexplorada do planeta, incluso máis que a superficie da Lúa. Estes fondos teñen unha orografía semellante á terrestre con montañas, vales, chairas, canóns e cantís e con condicións moi extremas: ausencia total de luz, baixas temperaturas, elevadas presións, boa osixenación e un hidrodinamismo variado que conxuntamente coa natureza xeolóxica determinan unha moi ampla variedade de substratos. Debido á ausencia de luz non existe vexetación, e a fauna que neles vive se caracteriza pola miniaturización, cunha elevada diversidade e baixa biomasa. Dragas
Co uso das dragas habituais na investigación científica accédese de dúas maneiras a este escuro e frío hábitat para recoller as mostras. Por unha banda, as dragas de actuación horizontal recollen mostras para realizar estudos cualitativos da fauna tanto en fondos sedimentarios, lodos e areas, como en substratos duros (corais, cunchas, pedras e rochas). Por outra, as de actuación vertical serven para estudos cuantitativos nos que se avalía a fauna nun volume determinado e coñecido de mostra.