Investigadores de Europa, Asia e América debaterán sobre os últimos datos rexistrados polo acelerador de partículas do CERN
Os novos resultados de colisións protón-núcleo do acelerador de partículas do CERN reunirán ao longo de toda esta semana na illa da Toxa a máis de 120 investigadores de Alemaña, Brasil, Canadá, Estados Unidos, Finlandia, Francia, España, Holanda, Hungría, India, Italia, Polonia, República de Corea, Rusia, Suecia, Suíza e Xapón baixo a coordinación do proxecto Starting Grant concedido ao investigador da USC Carlos Salgado. Segundo explica o propio investigador, os datos rexistrados son “bastante sorprendentes e parecen indicar a creación dun medio moi denso a temperaturas elevadas –máis de 100.000 veces as rexistradas no interior do sol– do tamaño dun protón”. Os datos sinalarían a existencia de propiedades líquidas e que, de confirmarse, corresponderían co líquido máis pequeno e máis perfecto nunca medido. Como explica Carlos Salgado, este estado denominado plasma de quarks e gluóns é o estado de todo o universo uns microsegundos despois do Big Bang.
Nesta conferencia internacional, cuxas sesións científicas comezaron na mañá deste luns 9 na Toxa e se estenderán ata o sábado 14, discutirán os coñecementos actuais no ámbito experimental e teórico respecto da estrutura partónica de protóns e do núcleo; as condicións correspondentes ás etapas iniciais da colisión, incluíndo o papel e natureza das flutuacións; a evolución hidrodinámica seguinte; a determinación da viscosidade e outras propiedades dos medios.