Ir o contido principal

Investigadores do grupo NeurObesidade da USC sinalan novas dianas terapéuticas para o tratamento da obesidade

Cunha cámara térmica móstrase o efecto da administración central de BMP8B sobre a temperatura do tecido adiposo pardo en ratas. A rata tratada con BMP8B ten maior temperatura nesta zona, o que indica...
Cunha cámara térmica móstrase o efecto da administración central de BMP8B sobre a temperatura do tecido adiposo pardo en ratas. A rata tratada con BMP8B ten maior temperatura nesta zona, o que indica...
Os investigadores da USC acaban de publicar na revista Cell, a máis importante do mundo en Biomedicina e Bioloxía Molecular, novos achados en colaboración con investigadores de Barcelona, Iowa,...

Novos achados relativos á regulación do tecido adiposo pardo van cercando cada vez máis a epidemia da obesidade, segundo os últimos resultados do traballo do grupo de investigación NeurObesidade da USC, adscrito ao CIBERobn e dirixido por Miguel López, investigador Ramón y Cajal. Os investigadores demostran por vez primeira que a proteína BMP8B se expresa en niveis elevados no tecido adiposo pardo e no hipotálamo modulando, entre outros aspectos, a capacidade deste tecido para “queimar graxa”. Este é un novo chanzo de cara a definir posibles dianas terapéuticas e desenvolver novos fármacos contra a obesidade e o control da masa corporal. A publicación de maior impacto en todo o mundo en materia de Biomedicina, a revista Cell, xa mostrou o seu interese neste traballo incluíndoo no seu último número co título BMP8B Increases Brown Adipose Tissue Thermogenesis through Both Central and Peripheral Actions . Estes son os primeiros resultados dos traballos que Miguel López, investigador Ramón y Cajal, desenvolve ao abeiro do programa Starting Grant en apenas uns meses dende a súa concesión polo European Research Council. O labor realizado por estes investigadores nos últimos catro anos demostrou que un dos mecanismos que subxace á epidemia da obesidade é un “mal funcionamento” do tecido adiposo pardo. Unha das súas particularidades é que este tecido non almacena lípidos, senón que os oxida para obter enerxía que á súa vez se disipa en forma de calor, fenómeno denominado termoxénese. En resumen, o tecido adiposo pardo axudaría a queimar máis calorías e producir calor corporal a partir das graxas. Estes datos explican o interese que este tecido esperta como posible diana terapéutica no tratamento da obesidade. Non obstante, como sinala Miguel López, os mecanismos moleculares que regulan o seu funcionamento “non son de todo coñecidos polo que é determinante comprendelos”. Así, o grupo do investigador Ramón y Cajal compostelán en colaboración con outros equipos de Barcelona, Iowa, Estocolmo e Cambridge, demostra agora que a proteína morfoxenética ósea 8B (BMP8B) “xoga un papel fundamental na regulación da termoxénese pola graxa parda”. Estas proteínas son factores de crecemento tradicionalmente implicadas na formación de óso, cartílago e tecido conxuntivo. Como parte do seu traballo, os investigadores comprobaron que ratos que carecen de BMP8B son marcadamente obesos a pesar de ter unha inxesta reducida, cando se lles compara con outros normais. A diferenza estaría en que os primeiros terían unha menor capacidade para queimar graxa no tecido adiposo pardo. Influencia do hipotálamo Os efectos de BMP8B sobre a graxa están mediados polo hipotálamo, zona do cerebro de especial importancia na regulación da enerxía. Segundo os ensaios realizados, Miguel López explica que a administración de doses mínimas desta proteína directamente no hipotálamo “foi suficiente para incrementar de modo moi potente a temperatura corporal dos animais, como resultado dunha estimulación da produción de calor polo tecido adiposo pardo”. Esta acción depende da actividade de AMPK (AMP-activated protein kinase) nun número reducido de neuronas no hipotálamo coñecidas como núcleo ventromedial (VMH). En concreto, “a activación de AMPK reverte o efecto de BMP8B sobre a disipación da calor pola graxa parda” explica o investigador. Os datos alcanzados apuntan ao uso tanto de AMPK como de BMP8B no hipotálamo como posibles dianas terapéuticas contra a obesidade e o desenvolvemento de fármacos para así poder controlar a masa corporal. Este estudo forma parte da tese de doutoramento de Luís Martíns, dirixida por Miguel López e conta con financiamento de proxectos da Xunta de Galicia, o Instituto de Salud Carlos III e do programa Starting Grant. Cell , Nature, Diabetes... Os novos avances experimentados polos investigadores composteláns forman parte dunha traxectoria que nos últimos anos ten avanzado un importante percorrido na loita contra a obesidade e cunha importante proxección pública, en paralelo, dos resultados do traballo realizado no laboratorio polo grupo de Miguel López. Así, en maio de 2008, nun traballo publicado por Miguel López e Carlos Diéguez en Cell Metabolism presentábase un novo mecanismo fisiolóxico co que demostraban como unha hormona periférica producida polo estómago, a ghrelina, modula a inxestión no hipotálamo. Posteriormente, en setembro de 2010, Nature Medicine publicaba outro traballo dos mesmos investigadores que descubría un novo mecanismo polo que as hormonas tiroideas regulan a masa corporal. Ano e medio despois, a Asociación Americana de Diabetes, a través da súa publicación Diabetes , relacionaba o consumo de nicotina coa perda de masa corporal, a través do traballo dos investigadores de NeurObesidad da USC. Agora tócalle a quenda á revista Cell, considerada a máis importante do ámbito da Biomedicina e Bioloxía Molecular e na que apenas se teñen publicado un par de ducias de artigos orixinais asinados por investigadores procedentes de España.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.05.2012.