Ir o contido principal

Investigadores de Matemáticas desenvolven un videxogo para achegar a ciencia a todo tipo de público

Captura de pantalla da interface do videoxogo, actualmente en desenvolvemento
Captura de pantalla da interface do videoxogo, actualmente en desenvolvemento
Atópase en fase de desenvolvemento co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía

Un equipo do Departamento de Matemáticas da USC, coa colaboración de profesorado de educación secundaria, está a desenvolver un videoxogo cuxo obxectivo é achegar a ciencia a todo tipo de público combinando estratexia e coñecementos. O equipo conseguiu o apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) que financia o proxecto MatHex (FisiHex, BioHex, QuimiHex,...) xogo, estratexia e coñecementos.

A investigadora principal do proxecto, a profesora Elena Vázquez Abal, explica que cada materia científica terá o seu propio videoxogo específico aínda que o esqueleto desta primeira fase da iniciativa estará baseado nas matemáticas (MatHex). A dificultade será axustable a todas as idades, dende a infancia ata a Universidade ou para un público xeral.

A base do xogo será un taboleiro formado por hexágonos como no clásico xogo de mesa Hex, combinado con preguntas. Un dos seus puntos fortes é a tipoloxía destas cuestións, engade a profesora Vázquez Abal, xa que “combinan dunha forma amena e coloquial diversas temáticas”. No caso particular das matemáticas, versarán sobre xeometría, operacións, historia, arte, sentido común e unha porcentaxe dedicada a mulleres matemáticas. Ademais, cada pregunta leva consigo a súa explicación, que se mostrarán igualmente cunha linguaxe simple.

Completan o equipo do proxecto José Carlos Díaz Ramos e Víctor Sanmartín López, polo Departamento de Matemáticas da USC, e Esteban Calviño Louzao, profesor de educación secundaria. Os avances que experimente o proxecto poderanse consultar na súa web (http://www.usc.es/gl/proxectos/mathex).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.09.2018.