Ir o contido principal

Investigadores de Medicina Xenómica asinan un artigo en Nature Genetics sobre os xenes implicados na leucemia linfoide

Investigadores do grupo de Medicina Xenómica da Universidade de Santiago, que coordina o profesor Ángel Carracedo, e da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS-IDIS) acaban de publicar un traballo na revista Nature Genetics sobre xenes involucrados na leucemia linfoide crónica. Esta é unha publicación especializada cun factor de impacto superior a 35 e unha das de maior relevancia científica internacional. O traballo enmárcase dentro da participación da Universidade de Santiago no consorcio español involucrado no Proxecto Internacional do Cancro que lidera o doutor Elías Campos e permitiu atopar nove xenes novos que abren vías para entender a tumorexenese deste tipo de leucemias. O traballo realizouse en 3.100 pacientes con leucemia linfoide crónica a través de 7.667 controis nos que se identificaron os novos xenes, concretamente nos cromosomas 2, 4, 11 e 18. Varias deles están involucrados en apoptose o que realza a importancia dos xenes que regulan a morte celular no cancro. Entre os asinantes deste novo artigo atópanse investigadores de Estados Unidos, Alemaña, Francia, Reino Unido, Canadá, Australia, Suecia, Dinamarca, República Checa, Irlanda, Italia, Noruega, Finlandia, Holanda, Corea do Sur, así como de diversas universidades españolas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.06.2013.