Ir o contido principal

Os investigadores da memoria histórica reclaman maior relación entre os grupos para así facilitar unha maior accesibilidade ás fontes

A necesidade de coordinación entre as diferentes asociacións e grupos de investigación estatais que centran o seu traballo do estudo da guerra civil e o franquismo foi unha das conclusións á que chegaron os investigadores participantes no encontro ‘Memoria e Historia’ que tivo lugar a pasada semana en Santiago. Organizadas dende o proxecto de investigación interuniversitario ‘As vítimas, os nomes e as voces’, nas xornadas analizáronse as diferentes tarefas, pescudas e actuacións relativas á recuperación da memoria histórica da represión da guerra civil e do franquismo.
Os debates das xornadas, coordinadas polo investigador principal do proxecto Lourenzo Fernández Prieto e o coordinador de Coruña Emilio Grandío, centráronse na historia da represión e o seu tratamento dende o ámbito das ciencias sociais e o asociativo; as fosas e os lugares da memoria; o tratamento das cifras de desaparecidos a través de bases de datos; ou a construción de centros de documentación orais onde poder aglutinar os recordos dos protagonistas daqueles feitos.
Os asistentes destacaron a importancia do contacto entre os grupos para así facilitar unha maior accesibilidade ás fontes que permitan pescudar sobre ese período histórico. Así mesmo, insistiuse na posta en común por medio das diferentes páxinas web de cada grupo da información que se vaia xerando no Estado ao redor desta temática e fíxose fincapé na necesidade de constituír grupos especializados á hora de enfrontarse a determinados temas, como pode ser o das fosas ou a fonte oral. Neste senso, salientaron a multidisciplinariedade coa que se poden enfrontar á cuestión de estudo, desde as artes visuais á edición, pasando por iniciativas singulares como o Barco da Memoria patrocinado pola Consellaría de Cultura e Deporte.
Numerosos grupos de investigaciónOs grupos de investigación e personalidades que se achegaron a Compostela centran o seu labor cotiá na recuperación da memoria histórica, desde diferentes latitudes aínda que cunha problemática semellante. Así, neste encontro participaron membros do proxecto ‘Todos los Nombres’ de Andalucía, da Universidade de Oviedo, da Dirección Xeral da Memoria da Generalitat de Catalunya, da Asociación de Recuperación da Memoria Histórica, do Foro por la Memoria de Madrid e do proxecto ‘Canal de los presos’ de Sevilla. Xunto a eles, as doutoras e especialistas na represión franquista Ángela Cenarro e Conxita Mir, o médico forense Fernando Serrulla, a videoartista María Ruido, a editora de Ediciós do Castro Charo Portela, e un dos responsables do departamento de Fonts Orals de l'Arxiu Històric de la Ciutat de Barcelona, Lluís Ubeda.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.07.2007.