Investigadores de todo o mundo presentan na USC os seus avances no eido da química
Entre os días 27 e 29 de xuño desenvólvese na Facultade de Química un encontro-escola de Química asociada o proxecto Consolider Ingenio Orfeo Team CSD2007-00006, unha rede financiada polo Goberno español con cinco millóns de euros para cinco anos. A inauguración ten lugar o luns 27 ás 16.00 horas na Facultade de Química. O encontro reunirá a 160 investigadores nacionais e internacionais que presentarán e discutirán os seus avances en diferentes ámbitos científicos, dende a síntese e a catálise metálica ata a química biolóxica e a nanotecnoloxía. A escola pretende ser un foro de debate e de formación para moitos estudantes predoutorais e postdoutorais, que terán a oportunidade de escoitar ciencia do máximo nivel da boca de científicos de referencia mundial. Neste senso, destaca a presenza do profesor Paul Wender da Universidade de Stanford (USA), un dos líderes internacionais en investigacións na fronteira da química, da bioloxía e da medicina. Wender é pioneiro no desenvolvemento de axentes de transporte para favorecer procesos de internalización celular de medicamentos. Tamén presentarán conferencias no encontro os profesores Erick Carreira (ETH, Suiza), Karen Goldberg (Univ. Washington, USA), Eric Meggers (Universidade de Marburg, Alemaña), Hans de Vries (Universidade de Groningen, Holanda), Feliu Maseras (ICIQ, Tarragona) e Luis Liz-Marzán, da Universidade de Vigo. A escola-encontro está organizada polos membros do equipo Consolider Ingenio da Universidade de Santiago, coordinados polo profesor José Luis Mascareñas.