Ir o contido principal

Investigadores da Politécnica desenvolven un sistema de asesoramento en nutrición vexetal de viñedo sostible

Enma Martínez, Javier Cancela, María Fandiño e Benjamín Rei
Enma Martínez, Javier Cancela, María Fandiño e Benjamín Rei
O consorcio WintechPlus apoia o proxecto da USC para desenvolver unha plataforma web de fertirrigación que contribúa a optimizar e reducir o uso de insumos agrícolas

O equipo de Fertirrego e Necesidades Hídricas dos Cultivos da Escola Politécnica Superior, integrado no grupo de investigación Proxectos e Planificación da USC e do que forman parte Javier José Cancela, Benjamín Rey, María Fandiño e Enma Martínez, desenvolverá xunto coa empresa Galtel, unha firma especializada na aplicación de tecnoloxías inalámbricas para monitorización en tempo real en agricultura e medio ambiente, un sistema de asesoramento en nutrición vexetal do viñedo sostible (DSSust-Fertigation).

O proxecto DSSust-Fertigation, que resultou seleccionado para a súa posta en marcha polo consorcio WinetechPlus no marco dunha xornada de financiamento privado para proxectos de innovación vitivinícola celebrada en Logroño e na que se presentaron un total de 19 propostas, pretende crear unha nova plataforma web que sirva de axuda na toma de decisións que abrangue o binomio auga-abonado (fertirrigación). O obxectivo desta nova ferramenta virtual, pensada nun primeiro momento para empregar en viñedos, pero perfectamente aplicable a calquera outro tipo de cultivo regado e/ou fertirregado, pasa por optimizar e reducir o emprego de insumos agrícolas en calquera tipo de cultivo regado e/ou fertirregado, segundo explica Javier José Cancela. O sistema de asesoramento en nutrición vexetal do viñedo sostible ideado polo equipo de Fertirrego e Necesidades Hídricas de Cultivos da EPS está formado por tres parte interrelaconiadas. O primeiro elemento consistirá no desenvolvemento dun innovador sensor de emisión de microondas de banda larga para embarcar en aeronaves pequenas non tripuladas. Este sensor permitirá facer unha avaliación remota da humidade dos solos no perfil radicular efectivo da planta, co que ofrecerá mapas de humidade de toda a superficie cunha resolución espacial centimétrica. O sensor posibilitará asemade segmentar e zonificar o cultivo en base á definición de subzonas homoxéneas dentro da variabilidade espacial do propio terreo, dixo Cancela. Ademais do desenvolvemento deste sensor, o proxecto contempla un sistema de monitorización in situ, baseado no desenvolvemento e posterior instalación de sensores que miden parámetros de solo, planta e microclima en tempo real e conectados entre sí e cun servidor de internet por medio de nodos inalámbricos. A tecnoloxía destes nodos inalámbricos está especialmente deseñada para a súa aplicación en agricultura e conta con capacidade para conectar múltiples sensores, ao tempo que se caracteriza polo consumo moi baixo e a transmisión eficiente de datos para utilizar pouco ancho de banda. A terceira parte da que consta este proxecto é unha plataforma web de axuda á toma de decisións. Nesta plataforma estarán integrados os algoritmos de manexo de auga e abono necesarios para xerar recomendacións de accións que optimicen o uso a redución dos insumos. O desenvolvemento deste innovador proxecto no eido vitivinícola contará con servicio de coaching da man do consorcio WinetechPlus. Estes traballos de apoio para formular, desde un punto de vista de viabilidade económica e financeira, e para a elaboración do posterior plan de negocio, dous requisitos imprescindibles de cara a presentar o proxecto ante inversores privados, rematarán a finais de outubro de 2014.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2014.