Investigadores da Politécnica ensaian técnicas de implantación de vexetación de recubrimento en pendentes con tepes
Investigadores da Escola Politécnica do campus de Lugo ensaian técnicas de implantación de vexetación de recubrimento en pendentes con tepes ou alfombras vexetais, a fin de coñecer de forma máis precisa o comportamento agronómico das plantas producidas en malla e a súa posterior adaptación ao terreo, e tamén para comparar se esta nova técnica supón unha alternativa á tradicional plantación individualizada que se realiza nos procesos de revexetación de pendentes.
Este proxecto, promovido pola empresa Maderas Pérez Giménez, con sede sede en Gondomar, e desenvolvido polos investigadores da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo María Isabel Iglesias, Pablo Rodríguez Regueiro e Santiago Lamosa Quinteiro, conta xa con varios ensaios no campus, onde a empresa de xardinería Calfensa Medio Ambiente implantou en setembro varios tepes de experimentais. As especies ornamentais seleccionadas para os tepes son Lonicera nitida ‘Maigrun’, Euonymus fortunei ‘Coloratus’ e Hedera helix ‘Sagittifolia’, tres plantas leñosas con propensión a crecer de xeito horizontal, segundo precisou María Isabel Iglesias, quen tamén fixo fincapé no carácter ornamental das mesmas. Esta investigadora sinalou asemade que as especies escollidas foron cultivadas nos viveiros da empresa Maderas Pérez Giménez en diferentes tipos de malla, para poder acometer así un estudo respecto das características dos tepes que resultan máis apropiados para colocar sobre o terreo. Iglesias Díaz sinala que a implantación de vexetación de recubrimento en terreos en pendente é unha práctica máis ou menos habitual e acaída para mitigar os efectos da erosión a través do control das escorrentas. Daquela, esta investigadora comenta que un dos motivos polos que se está a estudar a idoneidade das especies e da composición dos tepes, así como a súa posterior utilización en procesos de recubrimento con vexetación, responde a que se trata dunha práctica a priori máis rápida e cómoda que a tradicional plantación individual. O uso de tepes nos traballos de implantación de vexetación de recubrimento en noiros e outros terreos en pendente reduciría, segundo indica esta investigadora, os traballos de acondicionamento do terreo, unhas tarefas que se limitarían a unha simple roza previa da superficie. Asemade, Iglesias Díaz di que os tepes evitarían tamén a colocación sobre a terra dunha malla para impedir o crecemento das herbas e a perforación dos ocos nos que despois se introducen as plantas xa enraizadas en maceta. A análise do comportamento agronómico das especies vexetais empregadas nos tepes, a determinación das necesidades de conservación e mantemento e, sobre todo, o estudo económico relativo aos custes de produción en comparación coa maior ou menor carestía da produción individualizada das plantas e a súa posterior implantación no terreo determinarán o maior ou menos éxito desta técnica de implantación de vexetación de recubrimento en pendentes.