Investigadores da Politécnica estudan novos aproveitamentos do xofre procedente do refinado do petróleo como fertilizante

Investigadores da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo adscritos ao Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) estudan posibles novos aproveitamentos do xofre procedente do refinado do petróleo como enmenda de solos alcalinos e tamén como fertilizante para diferentes cultivos. Esta investigación sobre potenciais usos alternativos dun subproduto do petróleo como é o xofre vén promovida por un consorcio de cinco empresas radicadas en Galicia. Repsol y Especialidades S.A. (Rilesa), que lidera o proxecto, Repsol Petróleo, dedicada ao refino do petróleo na planta de A Coruña, Soaga, cuxa actividade se centra na comercialización de produtos fertilizantes, Agroamb Prodalt, firma especializada na elaboración de fertilizantes orgánicos, e Kiwi Atlántico, dedicada á comercialización de froitas e verduras, acordaron hai xa máis dun ano botar a andar este ambicioso proxecto tecnolóxico, unha iniciativa que busca obter un maior rendemento económico do xofre procedente do refino do petróleo, un produto xa apreciado na actualidade, pero que podería acadar unha maior cotización no mercado de probarse novas aplicacións. Os grupos de investigación da USC en Xestión de residuos orgánicos, fertilización e ecoloxía agraria (GI-1649) e Sistemas Silvopastorais (GI-1648) traballan desde hai xa máis dun ano nos distintos cometidos contemplados no proxecto ‘Valorización e conversión do xofre elemental en fertilizante de alto rendemento’, un reto tecnolóxico que conta con financiamento a través dun proxecto Feder Interconecta Galicia 2012. As accións encomendadas á Universidade de Santiago polo consorcio de empresas que promove este proxecto de investigación concretáronse en tres subcontratas, unha orientada á obtención de fórmulas inorgánicas viables e outras centradas na obtención de fórmulas orgánicas viables e no estudo da súa eficiencia en cultivos extensivos e intensivos. A obtención de fórmulas inorgánicas viables e a avaliación da eficiencia de distintos formatos de xofre como enmenda aceda en solos para cultivo de millo e de colza, un traballo encargado aos investigadores do campus lugués por Rilesa, constitúe unha das liñas de investigación na que están a traballar Elvira López Mosquera e Adolfo López Fabal, profesores do Departamento de Produción Vexetal da USC, así como Socorro Seoane Labandeira, do Departamento de Edafoloxía, ademais dos doutorandos Noelia López, Ruth Barros, Ignacio Blanco e o técnico de laboratorio Rafael Corral, así como dous alumnos da EPS que fan o seu proxecto fin de carreira sobre este tema. A directora do Ibader e o profesor López Fabal, en colaboración con outro persoal investigador e técnico, tamén están a levar a cabo ensaios de formulacións orgánicas e os seus respectivos ensaios en cultivos esixentes en xofre, tal e como é o caso da cebola. Esta liña concreta da investigación foi solicitada pola empresa luguesa Agroamb Prodalt S.L.U., que, ao abeiro deste proxecto Feder Interconecta Galicia 2012, tamén encomendou a investigadores da Escola Politécnica de Lugo outros ensaios de campo destas fórmulas orgánicas (fertilizantes con xofre) en cultivos extensivos, tales como o millo ou mesmo en prados. A directora do Departamento de Produción Vexetal da USC, Rosa Mosquera Losada, é unha das profesoras máis implicadas nesta segunda dimensión da investigación, no marco da que xa se desenvolveron e aínda están a facer ensaios en campo nas rexións bioxeográficas Mediterránea e Atlántica. Nestes ensaios avalíanse formulacións elixidas como enmenda e fertilizante en cultivos de alta relevancia económica: millo forraxeiro, millo en grao, colza, cebada, trigo e prados sobre a produción y calidade dos mesmos. Nesta última actuación colaboran con Rosa Mosquera o catedrático da USC Antonio Rigueiro, así como os doutores Nuria Ferreiro e Esther Fernández, ademais doutros técnicos. Os resultados das distintas actuacións xa desenvolvidas ao abeiro deste proxecto son provisorios, xa que este Interconecta Galicia naceu cunha duración de tres anos e aínda está en plena vixencia, segundo apuntaron todos os investigadores implicados, os mesmos que salientan que os resultados obtidos ata o momento son cando menos prometedores.