Ir o contido principal

Investigadores e representantes da empresa reflexionan no CEA sobre as relacións entre comunidade científica e tecido empresarial

A xuntanza celebrouse no Centro de Estudos Avanzados. Foto: Servimav-USC
A xuntanza celebrouse no Centro de Estudos Avanzados. Foto: Servimav-USC

No outono de 1990 a Fundación Cotec para a Innovación iniciou a súa actividade cun encontro entre investigadores novos e representantes da industria para debater o retos e oportunidades que enfrontaba daquela o sistema español de I+D+i e analizar as relacións entre a comunidade científica e o tecido empresarial. O encontro tivo como resultado o Manifesto de El Escorial con demandas e recomendacións orientadas a facilitar a transferencia de coñecemento e tecnoloxía á empresa española.

Cando se cumpren 25 anos do Manifesto, o Centro de Estudos Avanzados da USC (CEA) toma o relevo daquel encontro pioneiro volvendo reunir os protagonistas daquelas xornadas para desenvolver un debate retrospectivo e, simultaneamente, promover o intercambio de ideas con novos/as investigadores/as e representantes empresariais. Esta xornada de reencontro celebrouse este venres 4 co lema ‘Relacións entre ciencia e empresa: evolución, situación e perspectivas de futuro’. Comezou nunha sesión na que participaron o director xeral de Cotec, Jorge Barrero; o director do CEA, Fernando Cabo; e o director dos Encontros, José Antonio Marín Pereda.

O programa da xornada tivo un primeiro bloque arredor da mesa redonda ’25 anos do Manifesto de El Escorial’ na que a través dunha análise retrospectiva se fixo un balance da situación. A partir do relatorio do catedrático da USC Senén Barro, participaron María Teresa Cuberes, da Universidade de Castela A Mancha; Guillermo Orellana, da Complutense de Madrid; Josep Samitier, da Universidade de Barcelona; e Antonio Viedma, da Politécnica de Cartaxena. Nun segundo bloque abordouse a relación entre universidade e empresa na actualidade a través da avaliación da situación e retos da transferencia de coñecemento e tecnoloxía. Incluiu o relatorio de Begoña Roibás, responsable de Desenvolvemento de Negocio do grupo Biofarma na USC, xunto a quen participaron Pedro Arenas, CEO de Qubiotech; Manuel Ausaverri, de Indra; Pablo Gamallo Otero, co fundador de Cilenis; e Blanca Losada, de Gas Natural Fenosa.

A segunda das mesas redondas abordou as relacións entre ciencia e empresa. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2015.