Investigadores das tres universidades galegas celebran na USC o seu primeiro congreso galego
O I Congreso Galego da Mocidade Investigadora estase a celebrar na Facultade de Matemáticas da USC coa participación de preto de 150 novos investigadores pertencentes a máis de 30 departamentos das universidades galegas. No encontro discutirán o futuro da súa profesión e analizarán a situación da investigación en Galicia.
O congreso é o primeiro evento destas características en todo o Estado, o que permitirá debuxar unha mapa sobre a situación dos novos investigadores en Galicia, servindo tamén para normalizar o uso do galego neste ámbito, pois todas as comunicacións están nesta lingua. Adicionalmente, cóntase coa presenza de investigadores de Italia, Brasil, Angola e Portugal, con vistas á preparación dunha gran reunión internacional de mozos e mozas investigadoras prevista para o próximo ano.
Logo do acto de apertura co director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, e o decano da Facultade de Matemáticas, Juan Viaño, foi Jorge Pérez Maceira, voceiro de Precarios Galicia, quen pronunciou a conferencia de apertura titulada ‘Da investigación profesional á investigación como profesión’, na que expuxo a actual situación dos investigadores en Galicia, examinando as máis recentes medidas que se veñen implementando neste ámbito. Deseguido, o director xeral de I+D+i, Salustiano Mato de la Iglesia, presentou os proxectos do seu Departamento. Tamén durante a mañá, os promotores do evento presentaron a comisión constitutiva da Sociedade Galega para a Iniciación Científica, que se responsabilizará das futuras edicións do Congreso.
Durante as restantes sesións presentaranse e debateranse máis de oitenta comunicacións, articuladas segundo as áreas de ciencias experimentais, ciencias sociais e ciencias humanas, que dan boa mostra dos proxectos que están a desenvolver os novos investigadores nas universidades galegas, e que foron recollidos no volume Mocidade investigadora galega, que suma máis de 700 páxinas.
O encontro, organizado polo Instituto Galego de Estudos de Seguranza Internacional e da Paz (Igesip) en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, recibiu tamén o apoio da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Para acadar máis información sobre o encontro, as persoas interesadas poden dirixirse á web http://www.mocidadeinvestigadora.net.
O IGESIPO Instituto Galego de Estudos de Seguranza Internacional e da Paz (IGESIP) é unha entidade sen ánimo lucrativo de ámbito galego que naceu co fin de levar a cabo investigacións interdisciplinarias nos ámbitos da seguranza internacional, a paz, a defensa e a resolución de conflitos así como accións de cooperación para o desenvolvemento naqueles países máis afectados polos conflitos armados. O Instituto busca así a difusión e afondamento nunha área tan extensa e pouco desenvolvida en Galicia como é a dos estudos sobre a paz e a guerra no campo internacional, sempre desde unha orientación aberta e plural.