Investigadores da USC asocian o gas radon acumulado nas casas co cancro de esófago

Investigadores do Laboratorio de Radon de Galicia da USC confirman nun estudo a relación entre maiores niveis de concentración de gas radon nos domicilios e o cancro de esófago. A revista International Journal of Radiaton Biology publica o estudo que consigue demostrar unha relación directa entre a acumulación de gas residencial e a mortalidade por esta enfermidade. Para realizar este estudo, os investigadores do Laboratorio de Radon mediron a concentración deste gas en máis de 3.500 domicilios galegos e lugares de traballo, fundamentalmente de administracións públicas e compararon os datos descubrindo que os municipios cunha maior concentración de radon residencial presentan tamén maior mortalidade por cancro de esófago entre os varóns non fumadores. O profesor Alberto Ruano da USC lidera esta investigación no que tamén participaron expertos do Centro Nacional de Epidemiología del Instituto de Salud Carlos III. O Laboratorio de Radon da USC leva anos investigando a relación entre as concentracións de radon residencial e diferentes tipos de cancro atopando probas que asocian a enfermidade e o gas. Este mesmo equipo publicou recentemente outro estudo que concluía que existe unha forte asociación entre radon residencial e cancro pulmonar e actualmente están a traballar nunha investigación, que se centra en suxeitos nunca fumadores e que tamén relaciona o radon residencial cun maior risco de padecer cancro de pulmón. O gas radon é un carcinóxeno humano recoñecido pola Organización Mundial da Saúde que se acumula de xeito natural no interior dos domicilios e outros ambientes pechados. O radon residencial é a primeira causa de cancro de pulmón en suxeitos non fumadores e o segundo factor de risco desta enfermidade nos fumadores. Os mapas de radón residencial cos índices de concentración en diferentes zonas de Galicia poden atoparse na web www.usc.es/radongal/ O Laboratorio de Radon de Galicia ven de acadar o financiamento preciso para a realización dun novo estudo que afonde no proceso biolóxico polo que o radon produce cancro de pulmón. A investigación, dirixida polo profesor Miguel Barros, analizará durante os vindeiros tres anos 1.400 suxeitos, grazas aos 120.000 euros captados do Fondo de Investigacións Sanitarias.