Investigadores da USC avanzan no coñecemento dos mecanismos neurolóxicos que participan na psicomotricidade
O Grupo de Neurociencia de Sistemas da USC realizou un estudo electrofisiolóxico das neuronas sensitivas que participan na percepción do movemento e da posición do corpo. Ambos sentidos, vinculados coa psicomotricidade, conforman unha sensibilidade denominada propioceptiva de vital importancia na coordinación do movemento, na acción dos músculos, de xeito que permite o desprazamento do corpo ou dunha extremidade. O investigador principal do proxecto é o profesor Antonio Canedo Lamas. Explica que estudaron como se procesa a información que provén dos músculos, dos tendóns e das articulacións. Así, un individuo que ten deteriorada a información que procede dun músculo non sabe onde se atopan as posicións relativas ás partes do seu corpo, de maneira que para moverse depende da visión. Nestes casos o sentido da posición e do movemento do corpo vese afectado pola existencia de lesións nas fibras nerviosas que proveñen do músculo. Pérdense as fibras de xeito selectivo e o paciente pasa a depender da visión para desprazarse. A xestión cerebral O profesor Canedo manifesta que o sentido máis importante para a vida cotiá é o da posición e a regulación do ton motor, é dicir, o grao de contracción muscular. Non obstante, por riba da medula espiñal sábese moi pouco de como se procesa esa información. O equipo da USC demostrou que unha rexión que está no tronco do cerebro, o bulbo, que recibe comunicación directa da medula, é o primeiro lugar onde chegan estas fibras nerviosas que proveñen dos músculos da parte alta do corpo e das extremidades superiores. “Nesta rexión fíltrase a información relevante, de xeito que a información que procede dunha articulación que se move inhibe a información que chega doutras articulacións” -afirma o investigador-. A información de cada articulación procésase por separado Outro dos achados do equipo da USC é que o procesamento central da información procedente de cada articulación faise por separado, o que explicaría que resulta case imposible intentar mover dúas articulacións ao mesmo tempo. “Esta información emprégase para programar as actividades motoras, de maneira que as articulacións se movan gradualmente de xeito coordinado” -indica o profesor Antonio Canedo-. O sentido da posición e do movemento non é un aspecto moi estudado, posto que os experimentos que cómpre realizar con animais de laboratorio son moi complexos. “Trátase de rexistrar a actividade de células nerviosas que reciben información dos músculos e por riba da medula espiñal é moi difícil distinguir os efectos musculares doutros distintos, por exemplo dos cutáneos, saber onde se orixinan os efectos” -apunta Canedo-. O investigador resalta que se requiren técnicas específicas para levar a cabo estudos electrofisiolóxicos, que son moi custosas en tempo e requiren un grande esforzo de aprendizaxe, o cal resulta pouco produtivo dende o punto de vista do rendemento científico. O equipo da USC realiza investigación básica neste eido pero os seus achados poderían ter repercusións no ámbito clínico. “O descubrimento destes mecanismos é un primeiro paso na busca de tratamentos que aborden este tipo de disfuncións relacionadas coa posición e o movemento do corpo, e cos problemas de equilibrio en xeral” -manifesta o coordinador do proxecto-. Tal como explica Antonio Canedo, os sistemas vinculados co equilibrio, a posición e o movemento do corpo son moi independentes, de maneira que cando fallan son pouco compensados por outros. Deste xeito, “cando hai unha lesión nalgún destes sistemas os síntomas son dramáticos” -resalta o investigador da USC-. Por exemplo, a perda do equilibrio vese compensada polo sentido da vista, pero só de xeito parcial.
En xeral, existe un gran descoñecemento dos mecanismos que actúan no procesamento desta información no sistema nervioso central, polo que os descubrimentos do equipo da Universidade de Santiago representan un avance importante e novo neste eido.
Xunto a Antonio Canedo, conforman o equipo investigador Roberto Leiras, Miguel Domínguez, Patricia Velo e Francisco Martín-Cora.