Ir o contido principal

Investigadores da USC avanzaron en Dinamarca resultados do estudo sobre a dimensión territorial das rexións de Europa no eido da estratexia EU2020

Un dos mapas elaborados polos investigadores da USC para o proxecto SIESTA
Un dos mapas elaborados polos investigadores da USC para o proxecto SIESTA
Os mapas evidencian a posición “descolgada e diverxente” do sistema de I+D galego con respecto aos obxectivos marcados, sinalan os autores

Os profesores Rubén Lois e Carlos Macía, membros do grupo de investigación Análise Territorial da USC (ANTE), avanzaron na cidade dinamarquesa de Aalborg algúns dos resultados acadados polo proxecto Spatial Indicators for a Europe 2020 Strategy Territorial Analysis (SIESTA) que trata de ilustrar a dimensión territorial das rexións de Europa no eido da estratexia EU2020, un plan xeral para superar a crise actual. Segundo Rubén Lois, os mapas “evidencian” a posición “descolgada e diverxente” do sistema de I+D galego con respecto aos obxectivos marcados pola estratexia EU2020 “e acentúan aínda máis a fenda coas rexións centrais e nórdicas de Europa”. En concreto, os mapas reflicten a escala rexional cuestións como gasto público, privado e empresarial en I+D; recursos humanos en ciencia e tecnoloxía; patentes tecnolóxicas; ou poboación entre 30 e 34 anos con estudos universitarios de posgrao. O seminario de Aalborg, titulado ‘Evidencias territoriais europeas para programas e políticas de cohesión da UE’ e organizado por ESPON (European Observation Network for Territorial Development and Cohesion), analizou os escenarios territoriais de relevancia para as rexións de Europa e achegou ideas e conclusións para a elaboración de novos programas relacionados coas políticas de cohesión da Unión Europea. Os novos avances sobre SIESTA serán analizados en Bucarest o vindeiro 25 de xuño nunha reunión estratéxica con todo o partenariado que forma parte do proxecto. Coordinación dende a USC Os xeógrafos e expertos territoriais do grupo ANTE son os encargados de coordinar ao equipo europeo que está a elaborar o atlas das rexións da Unión Europea fronte á Estratexia 2020 que a Comisión Europea deseñou en 2010 como plan xeral para a saída da crise aplicable ao conxunto dos países comunitarios. O grupo ANTE procurará coñecer especificamente como as distintas rexións europeas responden á Estratexia 2020 para situalas individualmente e por grupos ante a actual crise e as distintas políticas pensadas para saír dela.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2012.