Investigadores da USC conclúen que estar desempregado non cambia o voto pero aumenta a abstención electoral
En España estar en paro non cambia o sentido do voto nas eleccións electorais pero aumenta a abstención. Esta é a conclusión dun estudo realizado polo profesor de Socioloxía da USC Miguel Caínzos e a doutora en Psicoloxía Carmen Voces. As súas investigacións afondan na preocupación polas posibles consecuencias políticas, e especialmente electorais, que podería ter o crecemento do paro e demostran que o nivel deste non inflúe nos resultados electorais. Os investigadores estudaron as condutas de voto dos parados españois para comprobar se realmente se comportan de maneira diferente aos ocupados. Para isto analizaron todas as enquisas postelectorais en eleccións xerais dende 1979 para determinar se os parados manteñen algunha pauta de voto distintiva e se esta está relacionada co ciclo económico. Os resultados amosan que as preferencias electorais dos parados son indistinguibles das dos ocupados. O único efecto apreciable da situación de desemprego é unha maior tendencia á abstención. Así ocorreu entre 1993 e 2000, sendo esta unha conduta que os expertos vinculan a un efecto psicosocial de estar en paro. Os autores aportan tres posibles explicacións ao feito de que os electores non modifiquen o sentido do voto a pesar de estar en paro. Apuntan que pode deberse a que os desempregados non consideren ao goberno responsable da súa situación -porque creen que a súa política non ten relación directa co índice de parados ou porque son escépticos en canto a súa capacidade de arranxar o problema-. Tamén pode deberse ao predominio do individualismo e a que se o paro é relativamente baixo non perciben a súa situación como reflexo dun problema colectivo. Estas conclusións foron incluídas no informe ‘En España, estar en paro no cambia el voto, pero aumenta la abstención’ elaborado por Miguel Caínzos e Carmen Voces publicado pola Fundación Alternativas.