Ir o contido principal

Investigadores da USC explican a orixe xenética da poboación americana

Ángel Carracedo e Antonio Salas son os únicos representantes españois neste traballo que agora presenta a revista
Ángel Carracedo e Antonio Salas son os únicos representantes españois neste traballo que agora presenta a revista
Antonio Salas Ellacuriaga e Ángel Carracedo Álvarez, únicos representantes dun grupo internacional que acaba de publicar en Nature os resultados do seu traballo

A maior parte da poboación do continente americano xurde dunha onda migratoria de expansión única, aínda que existiron como mínimo outras dúas ondadas de expansión, onde os individuos se mesturaron cos que chegaron antes en distintas proporcións. Este é o principal resultado dun proxecto de investigación internacional no que participan os investigadores da Unidade de Xenética do Instituto de Ciencias Forenses e profesores da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, Antonio Salas Ellacuriaga e Ángel Carracedo Álvarez, e que por vez primeira realiza un estudo integral de poboacións nativas americanas dende o punto de vista do xenoma dos individuos. A magnitude do traballo e os resultados da investigación acaban de ver a luz no último número da revista Nature, que cun índice de impacto de 37 é a de maior repercusión internacional no seu ámbito. As conclusións da investigación son o froito do “maior esforzo investigador levado a cabo na historia da xenómica para caracterizar a orixe dende o punto de vista xenético das poboacións nativas dun continente”, explica Antonio Salas. O traballo contou coa implicación de institucións de diversos países, especialmente de América e Europa, sendo os investigadores composteláns os únicos representantes españois. Ademais, esta é a primeira vez que se demostra dende o punto de vista da xenómica unha das hipóteses formuladas no pasado a partir de estudos lingüísticos, o modelo coñecido como o das tres ondas de colonización americana proposta por Greenberg. Non obstante, engade Antonio Salas, “a xenética foi máis alá, permitindo introducir no modelo a posibilidade de entrecruzamento entre os individuos que chegaron a América en distintos momentos”. En base á análise de máis de 360.000 variantes xenéticas en 52 poboacións indíxenas de América e 17 poboacións de Siberia, os investigadores concluíron que a primeira gran separación entre grupos de individuos analizados xurde entre as poboacións siberianas e as americanas. A maior parte dos nativos que habitan no continente americano, dende Canadá ata Chile, descende dunha primeira gran onda migratoria, que os investigadores sinalan como aqueles que cruzaron o estreito de Bering hai aproximadamente 15.000 anos. Cruzando os datos rexistrados coas tres familias lingüísticas nativas principais do continente, os investigadores chegaron á conclusión de que os indíxenas que falan linguas esquimo-aleutianas –nativas de Groenlandia, o Ártico canadense, Alaska e Siberia– herdaron aproximadamente a metade do seu xenoma dunha segunda onda migratoria provinte de Asia. Xunto estes, os falantes de Na-Dené –variante lingüística localizada fundamentalmente no noroeste de Norteamérica– terían un 10% de carga xenética dunha terceira onda migratoria procedente igualmente do continente asiático. Os primeiros americanos –expresión coa que os investigadores se refiren aos descendentes da primeira onda– seguiron unha expansión migratoria cara ao sur ao longo da costa, sobre todo a do Pacífico. Durante este período de colonización se produciron diferenciacións poboacionais que provocaron certo illamento ata o presente, explica Antonio Salas, con moi pouco intercambio xenético entre as distintas poboacións. Unha das poboacións interesantes, engade o investigador, son aquelas que falan linguas Chibchan na rexión de Panamá, “xa que a súa ancestralidade provén do norte e do sur de América”. Proxección futura Dado o grao de mobilidade das poboacións actuais, “todas en maior ou menor grao están mestizadas entre si”, o resultado obtido posúe no campo da clínica unha proxección “evidente”, adianta Salas. A modo de exemplo, o investigador da USC toma como referencia o estudo xenético da enfermidade complexa –diabetes, esquizofrenia, Párkinson ou hipertensión, entre outras–. Os factores de error máis comúns nos estudos que se deseñan para avaliar a compoñente xenética destas doenzas son debidos ao ruído de fondo que introduce a mestizaxe ou as diferenzas poboacionais entre os grupos de pacientes e os grupos de control utilizados. A metodoloxía desenvolvida supón un “revulsivo” á hora de analizar datos destas características. Un traballo sen precedentes Ademais do deseño dunha metodoloxía apropiada, outro dos principais retos deste proxecto foi a creación dunha colección significativa de mostras que representen o mellor posible os pobos orixinais de América e Siberia. Para iso, se obtiveron mostras de grupos indíxenas de todos os países do continente. Pola súa banda, o reto metodolóxico ten que ver co feito de que a maior parte das poboacións nativas actuais están mestizadas en maior ou menor grao con europeos e africanos dende a colonización iniciada en 1492. Este punto de partida obrigou ao desenvolvemento de ferramentas bioinformáticas e matemáticas específicas para diferenciar o compoñente nativo americano xenuíno doutros compoñentes ancestrais superpostos en épocas máis recentes. Como explica Salas, é un proceso complexo que garda similitudes coa paleontoloxía, xa que se trata de clasificar os distintos segmentos do xenoma dun individuo nos distintos substratos dos que está constituído, froito da historia demográfica recente destas poboacións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.07.2012.