Investigadores da USC guían un acto divulgativo no Ceip Virxe do Corpiño de Begonte co gallo do Día Mundial das Zonas Húmidas

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC e a Asociación Galega de Custodia do Territorio celebraron este luns 2 de febreiro o Día Mundial das Zona Húmidas cun acto informativo e divulgativo que se desenvolveu no Ceip Virxe do Corpiño de Begonte.
Esta actividade, que se encadra dentro das tarefas de divulgación desenvolvidas no marco do proxecto europeo Life+Tremedal Zonas Húmidas continentais no norte da Península Ibérica: Xestión e restauración de turbeiras e medios higrófilos, contou coa participación do coordinador do proxecto Life na USC, o profesor Pablo Ramil Rego, así como dos investigadores do Ibader Boris Hinojo e Marco Rubinos, ademais de Martiño Cabana e Óscar Riva, en representación da Asociación Galega de Custodia do Territorio. O Subdirector Xeral de Espazos Naturais da Xunta de Galicia, José Antonio Grandas Arias; a deputada provincial da área de Medio Ambiente e Enerxías Renovables da Deputación de Lugo, Sonsoles López Izquierdo, e o alcalde de Begonte, José Ulla Rocha, tamén interviñeron neste acto conmemorativo do Día Mundial das Zonas Húmidas. Ao remate da quenda de relatorios, técnicos do Ibader e membros da Asociación Galega de Custodia do Territorio guiaron unha sesión de presentación dos valores e da importancia de conservar as zonas húmidas na comarca chairega, ademais de achegar diverso material informativo e de sensibilización. Día Mundial das Zonas Húmidas 2015 Na edición do ano 2015, o Día Mundial das Zonas Húmidas céntrase na necesidade de crear conciencia sobre o esenciais que son este tipo de enclaves naturais para o noso futuro. Segundo a documentación achegada pola Convención Ramsar, as zonas húmidas considéranse a miúdo como terreos baldíos, é dicir, como lugares que se deben drenar, reencher, queimar e converter a outros usos. De feito, estudos científicos amosan que dende 1900 desapareceu o 64 % das zonas húmidas do planeta. En comparación con 1700, calcúlase que se perdeu o 87 % deste tipo de lugares. Ante a pregunta de por qué é tan alarmante esta tendencia e por qué as zonas húmidas son esenciais para o desenvolvemento humano, a celebración desta efeméride na edición do ano 2015 quere destacar que entre os múltiples servizos que achegan as zonas húmidas á poboación e ao benestar humano atópanse os servizos de aprovisionamento, como alimentos, auga doce, fibra e combustible; servizos de regulación, como o saneamento da auga e tratamento de residuos, a regulación do clima, a retención do solo e sedimentos e a protección contra tormentas e inundacións; servizos de apoio, como a formación do solo e a reciclaxe de nutrientes (nitróxeno, fósforo e carbono); servizos culturais, como valores estéticos e espirituais, educación e recreación; e servizos de conservación, xa que representan o hábitat de múltiples especies animais e vexetais no planeta. Neste contexto, o proxecto europeo LIFE+ TREMEDAL no que está a participar o IBADER ten como obxectivo principal mellorar o estado de conservación dos hábitats de zonas húmidas do Norte da Península Ibérica. Os proxectos LIFE+ están financiados pola Unión Europea e están dedicados integramente ao medio ambiente.
En Galicia, o proxecto TREMEDAL conta co apoio da Dirección Xeral de Conservación de la Natureza (Xunta de Galicia) e da Deputación Provincial de Lugo, dando continuidade ás tarefas que ambas institucións veñen realizando en prol da conservación do medio natural. Para cumprir coa finalidade do proxecto desenvolveuse un programa de divulgación e sensibilización centrado na importancia da conservación e restauración das zonas húmidas para a sociedade e da problemática ambiental que xustifica os esforzos que se levan a cabo en favor destes ecosistemas.