Investigadores da USC impulsan unha colección de monografías con estudos inéditos de arqueoloxía e historia do Noroeste

A presentación do libro Clausus est Ianus, unha publicación que compila boa parte das achegas científicas presentadas nun congreso desenvolvido no Campus Terra a USC e organizado polos profesores da institución académica compostelá Dolores Dopico Caínzos e Manuel Villanueva, constitúe a primeira das entregas dunha futura colección de monografías con estudios inéditos sobre arqueoloxía e historia do Noroeste na Antigüedad.
O evocador nome grego Phíltate responde a unha escrava procedente da antiga Augusta Taurinarum (Turín), que aparece nunha das inscricións máis chamativas de Lucus Augusti e da que aínda hoxe se está a estudar o significan algunhas das súas liñas, que foron borradas. As investigacións desenvolvidas ao respecto apuntan cara unha idea que reflexa ben o espírito desta colección: a apertura da cidade cara o exterior a través da investigación, a busca constante pero inacabable polo coñecemento da nosa historia.
A este respecto cómpre insistir en que non se trata dunha colección localista, pois aínda que o punto de partida é Lucus Augusti e o Noroeste Peninsular, estes emprazamentos están inseridos nun contexto histórico máis amplo, o que permite estimular a investigación pero tamén comparar e difundir os resultados nun plano internacional.
Este primeiro número afonda nun momento clave da historia do Noroeste, a época de Augusto, cando o territorio pasa a formar parte do imperio romano e se producen cambios estruturais fundamentais na súa evolución. Inclúe as achegas de 19 investigadores de 13 institucións diferentes, procedentes de España, Francia e Portugal. Os autores parten dunha visión multidisciplinar, na que teñen cabida os aspectos habitualmente tratados, como a conquista ou a urbanización. Tamén se inclúen o coñecemento xeográfico do territorio, a introdución de novas formas de explotación económica, o novo impulso do comercio, modificacións da cultura castrexa, evolución da paisaxe e do territorio, transformacións dos asentamentos...
Esta obra presente ser de referencia obrigada para todos as persoas que realicen un estudo desta época e, de feito, xa está a ser citada en publicacións científicas, apuntan os coordinadores dun libro que, desde o punto de vista científico, cumpre coas condicións esixidas polas axencias de avaliación da calidade. No plano editorial, sinalan os coordinadores, trátase dunha coidada edición da Deputación de Lugo.