Investigadores da USC participarán nun proxecto europeo para desenvolver fármacos antitrombóticos

Investigadores dos grupos Proteómica de Plaquetas e Biofarma do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e do IDIS participarán nun proxecto europeo que acaba de ser concedido para desenvolver novos fármacos antitrombóticos capaces de inhibir as plaquetas sanguíneas.
O proxecto, no ademais da USC participan institucións e empresas do Reino Unido, Alemaña e Holanda, aglutina os investigadores europeos máis relevantes no campo da investigación plaquetaria e ten unha dotación próxima aos catro millóns de euros. O investigador principal por parte da USC é o profesor Ángel García Alonso, presidente da Sociedade Española de Proteómica e responsable do grupo de Proteómica de Plaquetas do CiMUS e do IDIS.
As plaquetas son células sanguíneas sen núcleo que se activan no momento en que se produce unha ferida, contribuíndo á formación do coágulo que evite a perda de sangue. Sen embargo, en circunstancias patolóxicas as plaquetas pódense activar “de xeito indesexable” dando lugar a trombose, que no caso das arterias coronarias conduce a un infarto agudo de miocardio. Os pacientes en risco de trombose son tratados con fármacos que inhiben as plaquetas, pero moitos seguen a sufrir episodios desa doenza ou hemorraxias, polo que existe unha necesidade para descubrir novos fármacos mais eficaces e seguros.
“É precisamente esa necesidade a que intenta abordar este proxecto”, sinala Ángel García, que explica que en torno a el se creará un programa de doutoramento europeo “que implicará o outorgamento de títulos dobres entre as universidades participantes”. Desta maneira, formaranse en total 15 doutorandos que serán contratados a cargo do proxecto e que recibirán formación punteira nun campo interdisciplinar no que adquirirán coñecementos e habilidades “que os situarán nunha posición inmellorable para incorporarse profesionalmente ao mundo da investigación biomédica, tanto no sector académico como en empresas”, explica.