Ir o contido principal

Investigadores da USC presentan en São Paulo dous proxectos de innovación educativa

O grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) presentará dous proxectos de innovación educativa no ‘X Congreso Internacional de Cidades Educadoras’ que convoca a Asociación Internacional de Cidades Educadoras. O encontro terá lugar en São Paulo dende o xoves 24 ata o sábado 26.
Baixo o título ‘A Construción de Cidadanía en Cidades Multiculturais’, as xornadas reunirán á representación urbana de 13 países diferentes onde se levan a cabo experiencias de promoción dos valores de cidadanía democrática e diversidade cultural.
Políticas educativas no Eixo AtlánticoO primeiro dos proxectos ten por obxecto a realización dun estudo diagnóstico e prospectivo das políticas educativas locais dos 32 municipios que integran a eurorrexión formada por Galicia e norte de Portugal. A iniciativa Eixo Atlántico: Un territorio educador, unha comunidade educativa articula propostas para o desenvolvemento dunha estratexia que defina a coordinación de actuacións consonantes cos principios e as finalidades das Cidades Educadoras. Coordinado pola docente da USC e integrante do SEPA María Belén Caballo, o traballo lévano a cabo investigadores de universidades galegas e lusas.
Este labor de divulgación intégrase dentro dunha liña de traballo que este grupo de investigación da USC realiza ampliando a presenza da comunidade académica e universitaria nos espazos de diálogo coa sociedade. Preténdese así trasladar os resultados do estudo sobre o estado das políticas educativas locais, con miras a propoñer futuras actuacións que melloren a acción municipal neste eido.
Acción localPor outra banda, o profesor da Universidade da Coruña e coordinador do Proxecto Interea, Héctor Pose, achegará aos máis de mil congresistas previstos o conxunto de iniciativas e recursos para a acción local que o Grupo SEPA promove en convenio coa Deputación da Coruña. Neste caso, resume labores de formación, edición e investigación arredor das realidades pedagóxicas e culturais municipais, para a área de cultura, educación e patrimonio histórico-artístico.
Dirixido polo catedrático da USC José Antonio Caride, o grupo SEPA conta co recoñecemento da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia como unidade de investigación competitiva.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.04.2008.