Ir o contido principal

Investigadores da USC recomendan plantar 40 novas árbores no parque Rosalía de Castro de Lugo

Un grupo da EPS traballa na redacción do Plan Director do Parque e aconsella o cambio do peche e a introducción de especies de flor

O grupo de investigación Sistemas Agroforestais da EPS, que dirixe Antonio Rigueiro, proporá ao Concello a plantación de 40 novas árbores no Parque Rosalía de Castro, unha vez rematado o estudo de arborado desta zona verde, realizado por este grupo xunto coa profesora do mesmo centro Isabel Iglesias.
Este grupo coordina, coa supervisión do Concello, o equipo redactor do Plan Director do Parque Rosalía de Castro, no que participan ademais especialistas como o arquitecto César Portela ou o historiador Adolfo de Abel Vilela. Esta zona verde conta cun século de antigüidade e, como di Antonio Rigueiro “estivo sometido a agresións diversas polo que require importantes cambios nos elementos vexetais e arquitectónicos”. Algúns deles xa comezaron, como o derrubamento dalgunhas edificacións.
A proposta principal do equipo investigador da USC é a plantación de novas árbores, un total de 40, para suplir aqueles que tiveron que ser retirados por enfermidade, morte, desprendementos ou derrubamento. Segundo indica Antonio Rigueiro, a idea principal é plantar especies que xa se sabe que se adaptan ben, como distintos tipos de arces e introducir novas especies que engadan máis cor, como as cerdeiras de flor ou as árbores do amor, “mantendo sempre a estrutura actual do parque”.
O equipo da EPS, responsable do apartado vexetal, tamén propón a realización dun estudo biomecánico e de estabilidade das especies arbóreas desta zona verde, “que amosan síntomas de certa decadencia, como pudricións, oquedades ou inclinación notable o que podería ofrecer algún tipo de risco para os visitantes”.
Indica Rigueiro que, unha vez realizado o estudo biomecánico e de estabilidade do arborado, os resultados poden recomendar o derrube dalgunhas árbores por razóns de seguridade, que tamén deberán ser substituídas. Engade tamén que os exemplares con máis posibilidades de eliminación son os de chopo híbrido, que xa tiveron desprendementos de grandes pólas.
Os estudos previos realizados ata o de agora indican que a saúde das árbores do parque é aceptable en xeral, aínda que hai excepcións, como as secuoias monumentais, árbores emblemáticas do parque que sofren doenzas que as afean e debilitan, “sendo probable que teñan que ser substituídas a medio prazo”, di Antonio Rigueiro.
Outras propostasOutra das propostas dos expertos é o cambio do peche perimetral do parque retirando o ligustro actual e substituíndoo por teixo, “que se considera máis señorial e propio dun parque histórico destas características”, explica o profesor.
Engade tamén que a intención do equipo é que o Concello plante exemplares de máis de 4 e 6 metros de altura para que realicen a súa función decorativa dende o primeiro día e ”sobre todo para evitar que resulten danados ou que os leven”.
A proposta do equipo será, como indican, “conservacionista”, mantendo a estrutura, tipoloxía e o deseño do parque utilizando especies que xa amosaron resultados positivos ou introducindo outras “que non rompan co estilo actual”, sinala.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.06.2008.