Ir o contido principal

Investigadores da USC remataron o estudo do material arqueolóxico do poboado castrexo de Punta do Muíño

As fases de ocupación máis importantes do poboado foron a primeira e a segunda Idade do Ferro

Investigadores da sección dedicada á cultura castrexa do Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico da USC que coordina a profesora Josefa Rey Castiñeira vén de rematar o estudo do material arqueolóxico do poboado castrexo de Punta do Muíño (Alcabre, Vigo) que quedou depositado no Museo do Mar.
O traballo é o primeiro resultado dun convenio firmado entre a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e a USC co que se pretende fomentar unha “cuestión pendente na arqueoloxía galega” como é o estudo dos materiais arqueolóxicos, “que habitualmente nas escavacións queda algo ensombrecido pola urxencia das intervencións” matiza a profesora Rey.
Desenvolver investigación aplicada de interese para a arqueoloxía profesional e a institucional foi outro dos propósitos dos científicos, que iniciaron sistemáticas de rexistro e de estudo con observacións de carácter protocolario e económico “con vistas a axilizar a xestión de materiais arqueolóxicos dende o punto de vista administrativo e museográfico”.
Durante o traballo avanzaron tamén na xestión de datos que permitirá xerar unha infraestrutura que nun futuro próximo sexa de utilidade para os investigadores da cultura castrexa, os arqueólogos profesionais que interveñen en castros, os museos e a administración relacionada co patrimonio arqueolóxico.
Cerámicas, carbóns e sementesOs materiais tratados en Punta de Muíño foron a cerámica indíxena, os restos antracolóxicos (os carbóns) e carpolóxicos (as sementes), e os relacionados coa industria téxtil. A partir dos estilos cerámicos identificados determinouse que as fases de ocupación mais importantes do poboado foron a primeira e a segunda Idade do Ferro –séculos VIII-II aC-, mentres que a fase de contacto cos romanos está escasamente representada, “ao contrario do que sucede noutros castros galegos”, explica Josefa Rey.
Ademais, algúns dos seus trazos estéticos como os engobes roxos e mouros e outros detalles formais e decorativos sinalan que non só importaban produtos ibero púnicos senón que os imitaban, baixo unha forte reinterpretación indíxena.
Por outra banda, as investigacións indican que o carballo é a madeira máis habitual utilizada como combustible e para a construción, posuíndo tamén certa importancia no conxunto as formacións de matogueira dominadas por Fabaceae tanto como combustible como para as cubertas vexetais.
Da análise dos restos de sementes observouse unha agricultura “moi semellante á doutros castros galegos”, con recolección de froitos silvestres como as landras. A presenza de cereais de inverno –trigo, cebada- e primavera –millo miúdo- así como leguminosas –chícharos e fabas- “indican necesariamente unha certa disposición e planificación dos espazos de cultivo, tanto no réxime de descansos coma nos terreos dedicados a cada planta”, conclúen os investigadores.
O equipo de traballo que coordinou a profesora Josefa Rey Castiñeira está formado ademais por Emilio Abad Vidal, Nuria Calo Ramos, María Martín Seijo, Lucía Quindimil García, Aldara Rico Rey, Manuel Rodríguez Calviño e Andrés Teira Brión.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.03.2008.