Ir o contido principal

Investigadores da USC ultiman un congreso internacional sobre a xestión forestal do futuro

O encontro, impulsado pola UXFS da Politécnica, centrarase en sistemas de xestión innovadora que inciden en aspectos ambientais coma a calidade da auga e a captación de CO2

Santiago de Compostela será entre os días 8 e 11 de maio a capital mundial do debate sobre o futuro forestal. A Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da Escola Politécnica Superior pechou este luns o prazo de presentación de resumos para o congreso internacional ‘Forest Management In Future Landscapes: Implications for Water and Carbon Cycles’ con preto de 200 rexistros.

Os participantes neste foro sobre o futuro da xestión forestal chegarán de áreas xeográficas tan diversas como Estados Unidos, América Latina, Rusia e outros países europeos. Trátase da primeira vez que se organiza un evento desta envergadura e características no ámbito forestal en Galicia.

A comunidade galega é, tal e como indica o profesor da EPS e investigador da UXFS da USC, Agustín Merino, unha potencia mundial no sector, que esperta gran interese como zona forestal atlántica, con múltiples prácticas para dar a coñecer e tamén moitas outras que mellorar. As experiencias coa biomasa e no aspecto da captura do carbono son un exemplo e unha oportunidade que amosar dende Galicia, sinalan os organizadores. Unha xestión forestal innovadora O foro ‘Forest Management In Future Landscapes: Implications for Water and Carbon Cycles’ concíbese para poñer sobre a mesa experiencias de xestión forestal innovadora como son os sistemas que buscan a explotación de aspectos ambientais como a captación do carbono e a calidade das augas fundamentalmente, explican dende o grupo de investigación da EPS. Galicia é a comunidade autónoma con maior masa forestal no ámbito estatal e produce o 60% da madeira de todo o país. Ademais, circunstancias coma o aumento da superficie forestal debido ao incremento de superficies agrarias marxinais son unha oportunidade para a comunidade e para as empresas, sostén Merino. Neste contexto organízase este encontro, centrado nunha xestión forestal orientada na captura do dióxido de carbono e na calidade das augas, aspectos directamente relacionados coa masa forestal e con indubidable influenza en frear fenómenos coma o cambio climático. Por outra banda debaterase, entre moitos outros temas, sobre a mellora de superficies degradadas a través dun aproveitamento forestal, con exemplos como as novas plantacións levadas a cabo na parte non explotada da mina de carbón de As Pontes. Punto de encontro científico e sectorial O grupo de investigación da UXFS da USC está integrado no Instituto Europeo do Bosque Cultivado (IEFC) e contará no congreso do mes de maio coa exposición de numerosas presentacións científicas para as que xa ten recibido uns 150 traballos. Pero o congreso tamén está pensado, máis aló dos aspectos puramente científicos, para facer de punto de encontro entre as administracións, as empresas e os expertos, que se reunirán na segunda das xornadas previstas para o vindeiro mes de maio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.02.2011.