Investigadores de Veterinaria patentan marcadores xenéticos que detectan e miden dous xenes de resistencia á tetraciclina

Investigadores do Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control dos Alimentos da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo deseñaron e patentaron uns marcadores xenéticos que permiten detectar e cuantificar dous dos xenes de resistencia á tetraciclina máis cotiás nas bacterias do tracto grastrointestinal , tet (A) e tet (B). Este novo achado científico está recollido na tese de doutoramento ‘Desenvolvemento dun método de PCR en tempo real para cuantificar bacterias portadoras dos xenes tet (A) e tet (B). Aplicación a alimentos convencionais e ecolóxicos’, realizada pola investigadora Mónica Guarddon baixo a dirección dos profesores Carlos Manuel Franco Abuín e José Manuel Miranda López.
Mónica Guarddón salientou que a a súa investigación é a primeira na que se emprega a ténica PCR en tempo real para cuantificar directamente desde matrices alimentarias os dous xenes antes citados. Os alimentos seleccionados por esta investigadora para o desenvolvemento deste estudo foron carnes de distintas especies animais e preparados infantís pra nenos de curta idade, tanto ecolóxicos como convencionais. Os recontos dos dous xenes estudados na tese analizáronse mediante a técnica PCR e comparáronse cos obtidos para bacterias resistentes á tetraciclina por métodos microbiolóxicos clásicos. A investigación tamén ten en conta que os animais de produción ecolóxica apenas son tratados con antibióticos, polo que é de agardar recontos moleculares e microbiolóxicos de bacterias resistentes menores neste tipo de gandería. Sen embargo, os resultados obtidos ao comparar os dous métodos de cría animal revelaron que a presenza destes xenes de resistencia en alimentos é independente do sistema de produción, tanto no caso da carne como dos preparados. Guarddon sinala que, a pesar da ausencia de diferenzas obtidas neste traballo entre os alimentos convencionais e ecolóxicos, non se pode empregar unicamente o control da presenza destes xenes para concluír que os alimentos ecolóxicos son máis saudables que os convencionais nin viceversa. Outra das conclusións desta investigadora fai alusión á probabilidade de que os axentes antimicrobianos empregados en clínica veterinaria poidan chegar ao consumidor, aínda que en doses moi baixas, a través da cadea alimentaria. O interese da investigación desenvolvida por Mónica Guarddon na súa tese de doutoramento e se cabe maior polo feito de que os axentes antimicrobianos, coñecidos como antibióticos, son os fármacos máis empregados en clínica veterinaria. Dentro destes, as tetraciclinas son as de maior produción en España, un elevado consumo que se debe, entre outras cuestións, a que son antibióticos aptos para administrar en diferentes especies de animais produtores de alimentos e a que están indicados para o tratamento de numerosas patoloxías. Estas características das tetraciclinas, xunto co seu baixo custe, favoreceron o uso excesivo deste tipo de fármaco, o que provocou a pronta aparición de resistencias bacterianas que poden facer que este tipo de fármacos resulten ineficaces en doentes con enfermidades infecciosas. Tribunal da tese O catedrático do Departamento de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Santiago de Compostela Jorge Barros Velázquez presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada e defendida na Casa do Saber por Mónica Guarddon. Julio Maroto, da Fundación Cetmar; Stefano Morandi, do Instituto di Scienze delle Produzioni Alimentari de Milán; Marta Prado Rodríguez, do Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, e Pilar Calo, da USC, tamén formaron parte do tribunal, que lle outorgou a máxima cualificación académica á tese de Mónica Guarddon.