Ir o contido principal

InvestigArte inaugura unha exposición coas mellores obras recibidas na segunda edición

O concurso Investigarte inaugura este martes 8 unha exposición coas 30 mellores obras presentadas á segunda edición desta convocatoria, seleccionadas de entre as máis de 250 propostas realizados por científicos e estudantes de ESO, Bacharelato e Formación Profesional co obxecto de mostrar de xeito visual aspectos científicos e tecnolóxicos. O obxectivo desta convocatoria era, a través da imaxe, explicar ás novas xeracións e á sociedade en xeral o alcance das innovacións científicas e tecnolóxicas asociadas a proxectos de investigación. O acto inaugural da exposición así como a entrega de premios terá lugar este martes 8 ás 19.00 horas na Sede da Fundación Araguaney-Puente de Culturas no Hotel Eurostars Araguaney, coa presenza do vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González; da directora da Fundación Ramón Dominguez, María Gómez-Reino; e do director xeral da Fundación Barrié, Javier López Martinez. A exposición co conxunto das obras estará aberta ao público ata o próximo 2 de maio na Fundación Araguaney. Posteriormente, poderá visitarse nas instalacións da Fundación Barrié en Vigo o próximo curso escolar 2014-2015. InvestigArte está organizado polo Campus de Excelencia Internacional da USC, Campus Vida; educaBarrié (a canle de comunicación coa comunidade educativa da Fundación Barrié); o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS); e a Fundación Ramón Domínguez (do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago). Na presente edición, a colaboración coa asociación ARSCIENCIA, tamén permitiu estrear unha categoría dirixida a profesores na que se valora a capacidade de involucrar ao alumnado na aprendizaxe de coñecementos científicos-tecnolóxicos por medio da arte ou viceversa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.04.2014.