O Issga presenta no Campus Terra da USC as súas publicacións técnicas orientadas ao sector agrario
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) celebrou este mércores na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC unha xornada divulgativa e de presentación das publicacións técnicas elaboradas polo organismo autonómico orientadas ao sector agrario.
O perfil das titulacións universitarias ofertadas pola USC no seu campus de Lugo e a existencia dun Máster Oficial en Prevención de Riscos e Saúde Medioambiental son dous dos elementos que xustifican a celebración deste foro informativo do Issga na sede universitaria luguesa, segundo salientou o presidente da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais, Juan Mariñas, na sesión inaugural dunha xornada que congregou máis de medio centenar de asistentes. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e a directora do Issga, Adela Quinzá-Torroja, tamén interviñeron no acto institucional de inauguración, tralo que se desenvolveron os relatorios programados.
A técnica de seguridade e saúde laboral do centro Issga de Lugo, Gema Bértoa Veiga, abriu a quenda de intervencións coa presentación das distintas publicacións técnicas do Issga para os sector agrario. De seguido, a técnica de seguridade e saúde laboral do centro Issga da Coruña, Esther Varela Cerdeira, fixo unha exposición sobre as atencións prestadas polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral no sector agrario. A quenda de relatorios rematou cun relatorio da técnica de seguridade e saúde laboral do centro Issga de Ourense, Estrella Cancio Fernández, que abordou a realidade e a problemática da prevención de riscos laborais no desempeño de actividades vitivinícolas.