Ir o contido principal

O Issga presenta o manual de seguridade e prevención de riscos en laboratorios no Campus Terra ante máis de 200 persoas

González, Bueno e Toca, antes da apertura da xornada
González, Bueno e Toca, antes da apertura da xornada
O vicerreitor Javier Bueno e a secretaria xeral de Emprego, Covandonga Toca Carús, e o subdirector do Issga, Fernando González, abriron o foro na Facultade de Ciencias

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) celebrou este xoves no salón de actos da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC unha xornada técnica sobre prevención de riscos en laboratorios, no marco da que se presentou á comunidade universitaria, así como a todas as persoas que desenvolven a súa actividade laboral ou profesional en laboratorios, un manual de seguridade elaborado polo Issga.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; a secretaria xeral de Emprego, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Covadonga Toca Carús, o subdirector do Issga, Fernando González, foron os encargados de abrir a xornada cun breve acto institucional e de benvida ás máis de 200 persoas que tomaron parte neste foro de marcado carácter técnico.

A xefa de sección de Hixiene Industrial do Issga, Lucía Ferrón Vidán, presentou nesta sesión a guía de boas prácticas en prevención de riscos laborais e o manual de prácticas en laboratorio. Ao remate da súa intervención, o xefe do servizo de Prevención de Riscos Laborais da USC, Juan Mariñas, abordou algunhas cuestións relativas a aspectos organizativos do traballo en laboratorios nunha intervención na que fixo especial fincapé na importancia da coordinación como medida para minimizar riscos.

O profesor na Facultade de Ciencias e coordinador do mestrado en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental da USC, Carlos Herrero Latorre, pechou a quenda de intervencións cunha breve presentación deste programa oficial de posgrao para logo guiar un coloquio co público asistente.

Asistentes a xornada sobre prevención de riscos laborais en laboratorios desenvolvida na Facultade de Ciencias de Lugo

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.03.2017.