Ir o contido principal

De Italia a Galicia, facilitando o entendemento no ámbito turístico

De esquerda a dereita, Juan L. Blanco, Juan Casares, Valentín García e Isabel González
De esquerda a dereita, Juan L. Blanco, Juan Casares, Valentín García e Isabel González
A USC edita uns vocabularios galego-italiano de hostalería e gastronomía

Algo tan sinxelo como aloxarse nun hotel ou ir comer a un restaurante pode complicarse se o hai que facer en italiano. Para facilitar esa tarefa a Área de Filoloxía Italiana da USC elaborou dous vocabularios galego-italiano nos ámbitos da hostalería e a gastronomía que editou o Servizo de Publicacións da USC. Os e as docentes responsables dos volumes observaron que non existían manuais suficientes e axeitados que puxesen en contacto o galego co italiano e aínda menos en ámbitos tan específicos. Así, Vocabulario galego-italiano. Hostalería e Vocabulario galego-italiano: Gastronomíaxorden do interese progresivo que se experimenta nos eidos profesional, institucional e docente respecto da planificación do turismo, a súa proxección e desenvolvemento. Estes dous libros presentáronos no Colexio de Fonseca o reitor da USC, Juan Casares Long; o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés; o director xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; e a catedrática de Filoloxía Italiana da USC e directora do proxecto, Isabel González Fernández, que explicou que con eles se pretende contribuír ao desenvolvemento dun “sector punteiro para a nosa comunidade como o turismo”. Para o secretario xeral de Política Lingüística “este é un paso máis na visibilización de toda a produción que temos en galego, dun altísimo nivel”. A este respecto, Juan Blanco puntualizou que os vocabularios se enmarcan nunha “longa xeira” de publicacións da USC de promoción e divulgación da lingua galega, “moitos deles de gran transcendencia e mesmo gañadores de importantes premios bibliográficos e de edición”. Os volumes O vocabulario de hostalería consta de cinco capítulos –aloxamento, restauración, economía, lecer e viaxe– que pretenden cubrir os distintos eidos que contan con microlinguaxes especializadas. Ademais de Isabel González, este volume é obra das profesoras de Filoloxía Italiana da USC Ana Domínguez Ferro e Teresa Sanmarco Bande. O dedicado á gastronomía, no que traballaron os profesores Benedict Buono e Javier Gutiérez Carou e as profesoras Consuelo de Frutos Martínez e Cristina Marchisi, estrutúrase en distintos campos semánticos –mariscos, peixes, carnes, lácteos, fariñas, viños...– prácticos para a súa consulta.

Estes dous vocabularios súmanse á traxectoria pioneira nesta clase de publicacións do equipo docente da Área de Filoloxía Italiana que comezou co dicionario italiano-galego e seguiu cunha gramática contrastiva. Ademais, está previsto que nos vindeiros meses se presenten outros tres glosarios dedicados ás belas artes, concretamente nos campos da arquitectura, a escultura e a pintura.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.07.2012.