Ir o contido principal

O IV Certame de Videocreación distingue obras de Mario Bello, Mario Pereira e da compañía de teatro USC Lugo

Participantes, organizadores e gañadores do IV Certame de Videocreación, no MIHL
Participantes, organizadores e gañadores do IV Certame de Videocreación, no MIHL
A formación Trilitrate encheu de arte sonora e creativa o MIHL nunha cerimonia de entrega de galardóns do certame organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, na que participaron a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Tareixa Ferreiro, e o adxunto á Vicerreitoría de Organización Académica, Antonio Álvarez

A cerimonia de entreag de galardóns da cuarta edición do Certame de Videocreación, unha iniciativa promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, converteu este xoves o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) nun espazo de arte viva, no que a formación viguesa Trilitrate, deleitou ao auditorio cun singular espectáculo de música e creacións visuais ao vivo.

A vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo, Tareixa Ferreiro, e o adxunto á Vicerreitoría de Organización Académica e Cultura da USC, Antonio Álvarez, presidiron a animada cerimonia que serviu de escenario para a entrega de premios ás propostas galardoadas polo xurado dun certame,  no que a obra ‘Oniricae’, de Mario Pereira, recibiu o premio á mellor linguaxe visual, dotado con 400 euros en metálico

A proposta ‘Corpo territorio’, presentada desde a Compañía de Teatro USC-Lugo mereceu o galardón creado en homenaxe a Araceli Herrero, que tamén inclúe unha gratificación de 400 euros, mentres que ‘Correr’, unha videocración de Mario Bello, foi a proposta máis valorada polo público, unha distinción que non contempla dotación económica. Asemade, Alba Loureiro acadou unha mención especial con ‘Loureiro’.

Os autores das disintas propostas galardoadas na cuarta edición do Certame de Videocración do Campus de Lugo recibiron tamén como obsequio o debuxo ‘Piscina en prado verde’, da artista luguesa Mónica Alonso. O xurado desta convocatoria artística, integrado por Bruno López Rodríguez, Dores Rodríguez López e Carmen PG Granxeiro, acordou declarar desertas as categorías do concurso referidas ás especialidades representadas nas persoas e no legado de Isidro Novo e Rof Codina.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.12.2022.