Ir o contido principal

O IV Ciclo, para maiores de 50 anos, comeza un novo curso

O impulsor deste programa, o profesor José M. Mayán, recibe unha homenaxe co gallo da súa xubilación

O IV Ciclo Universitario arranca o novo curso este xoves 1 de outubro nun acto académico no que se dará á benvida aos máis de 150 alumnos e alumnas deste programa de formación dirixido a persoas maiores de 50 anos con independencia do seu nivel formativo previo. Do total de matriculados, en 2015-2016 comezarán estudos máis de 32 novos estudantes, maioritariamente mulleres, procedentes do propio concello compostelá así como de Ames, Padrón, Ordes, Ribeira ou Boiro, entre outros.

A xornada, que se celebrará no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, tamén servirá de homenaxe ao profesor José M. Mayán Santos con motivo da súa xubilación e en recoñecemento polo seu labor de posta en marcha do IV Ciclo en 1997 e do que agora se cumpren dezaoito anos de funcionamento. O vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López, presidirá a xornada a partir das 12.00 horas acompañado da vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez; o subdirector xeral de Dependencia, Jorge Rubén Sampedro Grande; a directora do IV Ciclo, Esther Olveira Olveira; e o coordinador do programa no Campus de Lugo, Emilio Carral Vilariño.

Xunto á homenaxe ao profesor Mayán, a quen se lle entregará un agasallo conmemorativo, tamén se imporá a título póstumo a insignia do IV Ciclo á patroa deste programa Francisca Álvarez, en nome de quen intervirá o seu fillo José L. Alfaya Álvarez e a súa neta Elena Alfaya. Ademais, José M. Mayán imporalles unha beca ás alumnas da primeira promoción Pilar López Fernández e Mª Jesús González Novoa e o vicerreitor Roberto López entregará un diploma á alumna Mª Jesús López-Menchero.

Dende a súa posta en funcionamento, o IV Ciclo busca a integración conceptual do programa nos demais ciclos regrados que se impartan nas aulas universitarias. A súa intención fundamental é promover a incorporación de alumnado maior de 50 anos aos estudos universitarios, favorecendo a súa integración e participación en procesos formativos que respondan ás necesidades e expectativas deste colectivo social. Ademais, a oferta docente ofrecida vencella e amplifica a oferta de estudos universitarios, con criterio de interdisciplinariedade e en consonancia cos principios que inspira a educación continuada, como experiencia global que se desenvolve ao longo de toda a vida de cada individuo, subliñando o protagonismo das persoas maiores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.09.2015.