O IV Ciclo, para maiores de 50 anos, comezou o novo curso

O IV Ciclo Universitario iniciou o novo curso este xoves 1 de outubro nun acto académico no que se deu á benvida aos máis de 150 alumnos e alumnas deste programa de formación dirixido a persoas maiores de 50 anos con independencia do seu nivel formativo previo. Do total de matriculados, en 2015-2016 comezan estudos máis de 30 novos estudantes, maioritariamente mulleres, procedentes do propio concello compostelán así como de Ames, Padrón, Ordes, Ribeira ou Boiro, entre outros.
A xornada, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, tamén serviu de homenaxe ao profesor José M. Mayán Santos con motivo da súa xubilación e en recoñecemento polo seu labor de posta en marcha do IV Ciclo en 1997 e do que agora se cumpren dezaoito anos de funcionamento. O vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López, presidiu a xornada nun acto no que tamén participaron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez; o subdirector xeral de Dependencia, Jorge Rubén Sampedro Grande; a directora do IV Ciclo, Esther Olveira Olveira; e o coordinador do programa no Campus de Lugo, Emilio Carral Vilariño.
Xunto á homenaxe ao profesor Mayán, a quen se lle entregou un agasallo conmemorativo, tamén se impuxo a título póstumo a insignia do IV Ciclo á patroa deste programa Francisca Álvarez, en nome de quen interveu o seu fillo José L. Alfaya Álvarez e a súa neta Elena Alfaya. Ademais, José M. Mayán impúxolles unha beca ás alumnas da primeira promoción Pilar López Fernández e Mª Jesús González Novoa e o vicerreitor Roberto López entregou un diploma á alumna Mª Jesús López-Menchero.
Dende a súa posta en funcionamento, o IV Ciclo busca a integración conceptual do programa nos demais ciclos regrados que se impartan nas aulas universitarias. A súa intención fundamental é promover a incorporación de alumnado maior de 50 anos aos estudos universitarios, favorecendo a súa integración e participación en procesos formativos que respondan ás necesidades e expectativas deste colectivo social. Ademais, a oferta docente ofrecida vencella e amplifica a oferta de estudos universitarios, con criterio de interdisciplinariedade e en consonancia cos principios que inspira a educación continuada, como experiencia global que se desenvolve ao longo de toda a vida de cada individuo, subliñando o protagonismo das persoas maiores.
Neste curso, cursan estudo no IV Ciclo máis de 150 persoas. Foto: Servimav-USC