O IV Ciclo da USC e espazo artístico 10 Danza e Teatro presentan este mércores a intervención espacial ‘Quen habita no parque?’

Alumnado do IV Ciclo Universitario da USC e do espazo artístico 10 Danza e Teatro darán vida este mércores ao Parque Rosalía de Castro da capital luguesa coa posta en escena, a partir das 20.00 horas, da intervención espacial ‘Quen habita no parque’, unha recreación da historia das orixes deste emblemático parque lugués dirixida por Paloma Lugilde e a través da que integrantes do IV Ciclo da USC interpretarán personaxes senlleiros como o son o gardián, a familia, as nenas do parque, o fotógrafo, Rosalía de Castro, o señor do banco, a limpadora dos baños...
Unha vez rematada esta pequena intervención espacial, coa que, case un século despois, se pretende recuperar a memoria do proxecto de 1921 do Parque Alfonso XIII (coñecido na cidade como Parque Bella Vista e que posteriormente sería rebautizado co nome de Parque Rosalía de Castro), alumnos/as do grupo de investigación teatral do espazo artístico 10 Danza e Teatro brindarán, a partir das 21.30 horas, uns pequenos monólogos polo teatro no propio anfiteatro emprazado nas costas do parque lugués.