Ir o contido principal

O IV Ciclo da USC leva a Universidade ao rural

O IV Ciclo da USC leva a Universidade ao rural
O IV Ciclo da USC leva a Universidade ao rural
Este venres comeza en Ribeira unha nova experiencia formativa da USC para maiores de 50 anos, que chegará a sete comarcas galegas

Democratizar o coñecemento. Ese é o obxectivo da nova iniciativa do IV Ciclo da USC que esta semana comeza en Ribeira e que se estenderá por varios concellos galegos dirixida a persoas de máis de 50 anos das comarcas da contorna de Compostela e da súa zona de influencia que por diferentes motivos non poden asistir ás clases do programa de formación para maiores nas instalacións universitarias.

“Pretendemos que a Universidade sexa un pulmón de osixeno do coñecemento tamén na contorna rural galega”, explica a directora do programa, Esther Olveira, que porá en marcha esta experiencia primeiro nos concellos de Ribeira, Vedra e Arzúa e máis adiante nos de Noia, Negreira, Ordes e A Estrada, abarcando así toda a comarca compostelá e de influencia.

A acción formativa, de poucos días de duración, busca revalorizar o patrimonio, concienciar sobre a presenza da ciencia no día a día e recoñecer o valor das disciplinas artísticas nas nosas emocións e vivencias. “En definitiva –aclara Olveira–, con ela tratamos de acadar unha mellora da calidade de vida, do benestar e da participación a través do exercicio intelectual que require este tipo de formación”.

O programa, que este venres 19 dá xa comezo en Ribeira e a a próxima semana en Vedra e Arzúa, contempla tres eixos temáticos, cada un deles cunha sesión teórica e outra práctica: a historia da cultura de Galicia, a música e a súa relación coa sociedade e o cambio climático e as súas consecuencias.

Para facilitar a comprensión dos contidos, as sesións prácticas terán lugar naqueles espazos próximos e recoñecibles polo alumnado, como por exemplo o dolmen de Axeitos ou as dunas de Corrubedo, no caso do Barbanza; o Pazo de Ribadulla na de Santiago (Vedra), ou o castro de Burres na de Arzúa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.05.2017.