Ir o contido principal

A IX Mostra trasládase ao Teatro Principal co aposta en escena de 'Golpe de Estado'

IX Mostra de Teatro Universitario de Galicia

Golpe de estado, de Manuel Alonso Alcalde, é a obra que o grupo NNC, da Universidade de Santiago, porá en escena este mércores 4 no marco da novena edición da Mostra de Teatro Universitario de Galicia. A representación trasládase ao Teatro Principal ás 21:00 horas.
Tras a morte de Neroncín I, tres ministros do seu Imperial Consello (Sumiller, Camarlengo e Chanceler) planean facerse co poder, elaborando unha serie de estratexias para tratar de manexar ao seu herdeiro, Neroncín II, e de gañarse a simpatía das masas. Para levar a cabo todo isto, contan coa axuda da Ama, esposa do Sumiller, que tentará convencer pouco a pouco ao novo rei para que ceda os seus privilexios aos tres ministros.
A peza, obra do poeta e dramaturgo Manuel Alonso Alcalde, foi representada por primeira vez o 1 de abril de 1969 no teatro do Ateneo de Madrid, caendo despois nunha especie de esquecemento que dura incluso ata os nosos días, xa que só en moi contadas ocasións foi levada ao público.
O seu autor, Manuel Alonso Alcalde, avogado e militar, recibiu medio centenar de premios literarios, entre os que destacan o ‘Sésamo’ de novela curta e o ‘Internacional de contos’ de Salamanca. Como autor dramático foi galardoado, a partir de 1960, cos premios ‘Ateneo’ de Madrid, ‘Carlos Lemos’, ‘Ciudad de Barcelona’, ‘Ciudad de Montevideo’, e, finalmente, co ‘Lope de Vega de teatro’ do Concello de Madrid.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.06.2008.