Ir o contido principal

Javier Garzás reflexionará na USC sobre a axilidade ben entendida

Será nunha conferencia sobre a aplicación da axilidade na xestión e enxeñaría de software

‘Axilidade ben entendida e outras recomendacións para esquecer os relatos de terror dos 90’ é o tema do relatorio que pronunciará este martes 26 o profesor da Universidade Rey Juan Carlos Javier Garzás. No Salón de Actos do CiTIUS a partir das 12.30 horas, a conferencia fai alusión á aplicación da axilidade na xestión e enxeñaría de software, entendéndoa como “peza clave para liderar ou sobrevivir” nos negocios baseados en tecnoloxías actuais. A intervención de Garzás, quen desenvolveu o seu primeiro proxecto ‘áxil’ nunha empresa de desenvolvemento en 2001, presentará as bases “dun correcto proceso áxil, como entender correctamente a axilidade, que é, de onde vén, que supón e que require”. O relator acompañará o desenvolvemento destes argumentos das súas experiencias persoais ao longo dos últimos anos en máis de 80 empresas de software. Javier Garzás é mentor áxil, experto en xestión de proxectos e equipos e investigador convidado na Universidade Carnegie Mellon (Estados Unidos), ademais de doutor e enxeñeiro superior en Informática pola Universidade de Castela A Mancha. Actualmente, dedícase profesionalmente a axudar empresas a que fagan mellor software, con especial atención aos tempos de produción, á produtividade ou á calidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.05.2015.