Ir o contido principal

Javier Bueno reelixido Director da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo

O director da EPS afrontará entre os seus retos o remate da adaptación do centro ás necesidades do novo Espazo Europeo de Educación Superior

Javier Bueno Lema continuará como director da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo ao ser reelixido este luns por 70 votos a favor e 33 en branco, dun total de 103. Bueno, que xa estivo á fronte deste centro durante os pasados catro anos, encabezaba a única candidatura que concorreu a estas eleccións.

O director da Politécnica fai unha lectura positiva destes resultados, que supoñen un apoio do 68%, algo que Bueno interpreta como a ratificación do traballo desenvolvido durante os pasados catro anos, período intenso de adaptación ao novo Espazo Europeo de Educación Superior.

Os obxectivos na EPS

Rematar a implantación das titulacións de grao nos sucesivos cursos é parte do traballo que queda por diante de xeito inmediato e progresivo, e precisamente a adaptación ao EEES, xera novas necesidades no centro que pasan por unha serie de actuacións como a construción do novo edificio de Enxeñaría Civil, segundo relata Bueno. Outro dos obxectivos da dirección, tamén no ámbito das infraestruturas pero a máis curto prazo, é o acondicionamento da nova finca de prácticas para poder afrontar de xeito inmediato as necesidades docentes. Neste senso, no vindeiro mes de febreiro as comisións xa formadas comezarán a traballar na transformación en máster das titulacións superiores de Enxeñaría Agrónoma e Enxeñaría de Montes cun horizonte para a súa implantación no curso 2012-2013.

Na mesma axenda está o obxectivo de reforzar o persoal dedicado á xestión administrativa do centro “en consonancia coas dimensións da Escola e as novas necesidades para acadar os obxectivos marcados de cara ao novo escenario educativo”, puntualizou o reelixido director.

Javier Bueno afirma afrontar o futuro “con moita ilusión malia as dificultades” e sinala que será importante fomentar a captación de alumnado para a EPS, onde se impartirán nos próximos anos cinco titulacións de grao, seis másteres, catro enxeñarías técnicas e dúas superiores. Á marxe das anteriores prioridades docentes, entre as liñas de traballo estará, segundo Bueno Lema, o apoio á actividade investigadora, tendo en contra que a EPS capta xa o 40% dos recursos de I+D no Campus de Lugo, o que repercute na xestión, funcionamento e necesidades do centro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.01.2011.