Joan Melé clausura as actividades da Cátedra Bancaja de Mocidade Emprendedora neste curso 2011-2012
O subirector de Triodos Bank en España, Joan Antoni Melé Cartañá impartirá este mércores 9 a conferencia de clausura das actividades da Cátedra Bancaja de Mocidade Emprendedora e da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais para 2011-2012. Considerado como un dos mellores oradores no ámbito das finanzas técnicas en España, Joan Antoni Melé falará "O diñeiro como camiño de autocoñecemento", nunha sesión que comezará ás 12.00 horas na Aula B da Facultade. Con máis de 30 anos de experiencia profesional no sector da banca, Joan Melé convértese nun dos principais artífices da banca ética en España ao liderar un dos proxectos de máis amplo calado en Europa dentro deste sector, asumindo a subdirección xeral do banco Triodos. Tamén colabora como voluntario en diversas entidades non lucrativas dedicadas á promoción da banca ética a á cooperación ao desenvolvemento en proxectos de Latinoamérica. Ao mesmo tempo, ten unha intensa actividade como conferenciante en foros e charlas sobre temas de economía social, finanzas éticas e humanidades. É autor do libro Dinero y Conciencia. ¿A quién sirve mi dinero?, que conta xa cunha 6ª edición, onde promove unha economía con valores e trata de concienciar sobre o uso responsable do diñeiro. No seu relatorio, Joan Melé falará da necesidade dunha toma de conciencia por parte da sociedade dos fundamentos necesarios para implantar unha nova economía.