Ir o contido principal

Joan Melé clausurou as actividades da Cátedra Bancaja de Mocidade Emprendedora para 2011-2012

Melé aludiu á necesidade dunha toma de conciencia por parte da sociedade dos fundamentos necesarios para implantar unha nova economía
Melé aludiu á necesidade dunha toma de conciencia por parte da sociedade dos fundamentos necesarios para implantar unha nova economía

‘O diñeiro como camiño de autocoñecemento’ foi o argumento elixido polo subdirector de Triodos Bank en España, Joan Antoni Melé Cartañá, para a conferencia que pronunciou este mércores na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC a modo de clausura das actividades da Cátedra Bancaja de Mocidade Emprendedora e da propia Facultade compostelá en 2011-2012 No seu relatorio, Joan Melé falou da necesidade dunha toma de conciencia por parte da sociedade dos fundamentos necesarios para implantar unha nova economía. Joan Melé está considerado como un dos mellores oradores no ámbito das finanzas éticas en España. Ademais é autor do libro Dinero y Conciencia. ¿A quién sirve mi dinero?, que conta xa cunha 6ª edición, onde promove unha economía con valores e trata de concienciar sobre o uso responsable do diñeiro. Con máis de 30 anos de experiencia profesional no sector da banca, Joan Melé convértese nun dos principais artífices da banca ética en España ao liderar un dos proxectos de máis amplo calado en Europa dentro deste sector, asumindo a subdirección xeral do banco Triodos. Tamén colabora como voluntario en diversas entidades non lucrativas dedicadas á promoción da banca ética a á cooperación ao desenvolvemento en proxectos de Latinoamérica. Ao mesmo tempo, ten unha intensa actividade como conferenciante en foros e charlas sobre temas de economía social, finanzas éticas e humanidades. Numeroso público deuse cita para asistir á intervención do directivo de Triodos Bank

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.05.2012.